Os grupos municipais reciben o borrador de Orzamentos que supera os 73 millóns

34

    • Nos diferentes capítulos están recollidas partidas novidosas como un Plan de emprego por medio millón de euros, a segunda fase do Plan Monte Vivo, os accesos a Monte Porreiro ou un primeiro compromiso coas obras do Hospital.
    • O capítulo de investimentos ten o rural como principal protagonista con obras con locais sociais, os composteiros individuais, un novo campo de fútbol que se está a proxectar ou obras de accesibilidade. En total 5,6 millóns de euros, dos 11,5 millóns de investimentos.

O portavoz do Goberno e concelleiro de Economía, Raimundo González, entregou esta mañá aos grupos municipais o borrador de Orzamentos 2018, que recolle substanciais modificacións ao respecto do pasado ano. A contía final do orzamento é de 73,5 millóns de euros.

O capítulo de persoal incrementa en 600.000 euros; o de gastos en bens e servizos supera os 31 millóns cun incremento de 900.000 euros ou as transferencias correntes se incrementan noutros 600.000. Son algunhas das novidades, xunto ao capítulo de investimentos que se achega aos 11,5 millóns de euros destinado, especialmente, para o rural que recolle o 50% destas inversións e tamén para os barrios.

Ao Capítulo de Persoal, o Goberno Local destina 21.926.000 euros, cun incremento de 600.000 euros para recoller a subida salarial do 1% aprobada polo Goberno central para o presente exercicio (non estaba recollida nos orzamentos de 2017 porque o Goberno de Rajoy aprobou os orzamentos despois que o Goberno Local), e tamén o posible incremento do 1,5% do ano 2018.

O capítulo de Gastos en bens e servizos tamén vive un incremento de case 900.000 euros situando esta parte do orzamento en 31.723.000 euros. Os motivos da suba deste capítulo, entre outros motivos, son:

    • A licitación dos ascensores do Concello (case 80.000 euros)
    • Os novos contratos da Auga e do Servizo de Axuda no Fogar (que recollen o prezo de licitación, aínda que poden ter baixas na adxudicación)
    • A dotación de 500.000 euros para un Plan de emprego, que tampouco estaba nos anteriores orzamentos.

No Capítulo 4, de Transferencias correntes, increméntase a contía en 600.000 euros, chegando aos 4.953.000 euros. A suba está motivada por:

    • Incremento en 80.000 euros ás transferencias do Pazo da Cultura.
    • Incremento en 30.000 euros á Empresa de Turismo
    • Dotación de 425.000 euros para a Renda social
    • Dotación de 150.000 euros para o transporte metropolitano e a demanda
    • Axudas de custe e de becas por valor de 250.000 euros

Esta última partida é un complemento ao Plan de emprego do anterior capítulo, que tamén se verá reforzada cunha partida de 68.000 euros do ILES.

No capítulo de Transferencias a outras administracións de 934.000 euros, inclúense a construción ao acceso a Monte Porreiro por 440.000 euros; 150.000 euros para o novo hospital (aínda que o Concello non ten que consignar nada até que estea entregado o Proxecto sectorial, esta contía é a modo simbólico e amosa o compromiso do Goberno con este proxecto); 145.000 euros para o Plan Monte Vivo, e 125.000 euros para Acues, entre outras.

Sobre o capítulo de Investimentos, o concelleiro de Economía explicou que ascende a 11.5 millóns de euros. Millón e medio menos que no pasado orzamento debido a soben substancialmente as transferencias de capital.

Os puntos máis destacados son:

    • 1,8 millóns de euros para centros culturais. En concreto para Estribela, O Burgo e Os Campos.
    • 1.440.000 euros para accesibilidade rural.
    • 1,2 millóns para edificios e outras construcións municipais, especialmente pensando nas novas dependencias de Urbanismo e Xestión tributaria do Concello.
    • 900.000 euros para os composteiros individuais, xa que as partidas ían a cargo do orzamento de 2018.
    • 1 millón para instalacións deportivas. Un dos campos de fútbol en proxecto.
    • Accesibilidade urbana e a financiamento dos Fondos FEDER.

Raimundo González explicou que o gran beneficiado do capítulo de investimentos é o rural, dado que dos 11,5 millóns, 5,6 millóns teñen como destino o rural (accesibilidade, composteiros…). Os segundos beneficiados son os barrios xa que se inclúen obras como o local social do Burgo, o acceso a Monte Porreiro, zonas verdes, parques infantís nos barrios…

Tamén aclarou que os orzamentos elaboráronse sen incluír os Fondos FEDER, o que permitiría incrementar nuns 8 millóns de euros máis o capítulo de investimentos.

O concelleiro de Economía aclarou que a súa intención é iniciar contactos con cada un dos grupos municipais na vindeira semana; tamén coas Federacións de veciños xa que parte das propostas que presentaron nos encontros previos foron incluídos neste borrador de orzamentos, pero hai outras que están sendo estudadas polos técnicos ou están pendentes de encaixe económico.

A intención do Goberno é poder levar o orzamento a Pleno na primeira quincena de decembro.