Intensa axenda de Fouces na FILIJ para pechar con México unha programación conxunta para O Salón

17
  • A concelleira de Cultura levou á FILIJ o modelo de cidade -amiga da infancia- e o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

A concelleira de Cultura, Carme Fouces está a desenvolver durante toda a semana unha intensa axenda de traballo na FILIJ -Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil de Cidade de México- con distintas institucións, organismos gobernamentais, editoriais, etc. co fin de pechar unha programación conxunta para o vindeiro Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

México será o país convidado de O Salón no 2018 e con este horizonte a concelleira de Cultura reuniuse coa directora da FILIJ, Paola Morán; con representantes do Centro Cultural de España en México, da Fundación Telefónica México e do Mercado de la Merced. Ademais Carme Fouces mantivo encontros co presidente da Cámara Nacional de la Industria Editorial Mexicana (CANIEM) coa que acordou o envío de libros de literatura infantil e xuvenil (LIX) para ás librerías de Pontevedra e con responsábeis da Secretaría de Relaciones Exteriores, organismo co que se está a articular un programa de autores/ as, ilustradoras/ilustradores, autoras, narradoras e mediadoras de lectura.

Son moitos os aspectos a coordinar, por exemplo tamén o envío dunha exposición de ilustración mexicana ao Salón de Pontevedra que de certo vai a sorprender e engaiolar.

Os contactos oficiais non remataron. Nas últimas horas de estancia de Carme Fouces en Cidade de México manterá un encontro con membros da sección mexicana do IBBY (siglas en inglés da Organización Internacional para o Libro Xuvenil). O obxectivo, neste caso, será tratar de establecer unha relación de conexión bilateral Galicia-Mexico usando O Salón como plataforma.

A intensidade da axenda de traballo non impediu que houbera tempo para presentar na radio da FILIJ o modelo de cidade de Pontevedra e a próxima edición do Salón e visitar o stand da editorial Kalandraka.

A concelleira Carme Fouces chegou á FILIJ a comezo de semana para participar na charla-coloquio “Unha cidade para a infancia”, nun evento dirixido a institucións gobernamentais, asociacións civís e os diversos actores da cadea do libro infantil e xuvenil. Na súa intervención falou do modelo Pontevedra e a súa relación coa infancia, un proxecto que escoita e dá importancia ás reivindicacións das crianzas en canta ás necesidades do seu ámbito vital.