O departamento de Urbanismo disporá dun servizo preferente de atención a arquitectos e aparelladores

57
    • A concelleira Anabel Gulías mantivo esta mañá unha reunión cos representantes de ambos colexios profesionais nos que acordaron distintas medidas para facilitar a relación entre estes profesionais e o servizo municipal

A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, mantivo esta mañá unha reunión co Colexio de Arquitectos e co Colexio de Aparelladores na que abordaron a preocupación do sector pola demora na tramitación urbanística do Concello.

A concelleira explicoulles que ademais da carga do traballo do servizo, prodúcense, ás veces, problemas asociados con baixas do persoal que causan atraso nos asuntos. Para tratar de paliar esta situación, o Concello está a rematar o proceso de selección dun arquitecto e dun arquitecto técnico que completarán o cadro de persoal, e tamén se están a facer horas extras por parte do persoal do departamento para reducir esa carga de traballo.

De todos os xeitos, a concelleira e os técnicos acordaron ir máis aló na simplificación e na mellora da atención, creando un servizo preferente de atención aos técnicos (arquitectos e aparelladores, entre outros) para os que o Concello, a primeiros de ano, habilitará unha xornada concreta na semana para a atención dos asuntos que tramitan estes profesionais. Será a través dunha liña telefónica específica, previo envío dun correo electrónico no que se concrete o asunto a tratar, para intentar centrar a solución.

Outro dos puntos que acordaron durante a reunión, foi a celebración dunha xornada formativa na que participen os técnicos do sector, xunto aos técnicos municipais e aos colectivos con diversidade funcional para abordar a norma de accesibilidade. Os arquitectos e aparelladores trasladaron á concelleira o rigoroso que é o Concello de Pontevedra á hora de aplicar este regulamento, polo que é preciso sentar a todos os sectores implicados e tratar de chegar a un acordo para facilitar a aplicación e o cumprimento da norma en calquera obra.

Esta xornada poderá ser no mes de decembro.

Outro dos asuntos abordados e nos que traballará o Concello, é a posibilidade de que estes profesionais podan acceder en tempo real á tramitación do seus expedientes urbanísticos. A concellaría tratará de darlle solución no vindeiro ano, logo de salvar certas dificultades informáticas.