O Concello resolverá problemas de accesibilidade en Mollavao

51
    • O concelleiro de Obras reuniuse cunha representación de veciños para informarlles deste proxecto que poderá comezar nos vindeiros días.
    • Mentres se tramita o proxecto integral de reforma da rúa Rosalía de Castro, Demetrio Gómez manifestou que está disposto a estudar e resolver outras demandas de fóra da rúa principal.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez mantivo esta tarde unha reunión cunha representación veciñal do barrio de Mollavao sobre o estado de tramitación dos proxectos que o  Concello quere impulsar nesta zona. Demetrio Gómez explicoulle que o plan de reforma integral da rúa segue o seu curso, logo de presentar o anteproxecto, e mentres o Concello traballa en resolver problemas urxentes, vinculados á accesibilidade para garantir a mobilidade de todos os veciños do barrio até que non se poida executar a reforma definitiva.

Indicoulles que é probábel que a vindeira semana comecen os traballos para realizar un circuíto accesíbel no barrio actuando nas dúas beirarrúas. O concelleiro presentoulles a proposta coa que se amosaron dacordo os veciños, que apuntaron varias suxestións que se incorporarán ao proxecto.

Ao mesmo tempo, falaron doutras necesidades do barrio, fóra da rúa Rosalía de Castro, que o Concello está disposto a estudar e ir abordando ao mesmo tempo que se proxecta e actúa na rúa principal. De feito, o concelleiro comprometeuse a ir ao barrio a ver estas outras necesidades para seguir avanzando na mellora de Mollavao.

COMPARTIR