Comeza a mellora da rúa da Seca coa creación do novo parque xunto ao Camiño Vello de Castela

123
    • A intervención paisaxística comezará esta semana e supón a plantación de 28 árbores de sete especies distintas, para confeccionar unha zona de estancia e xogo na que se poida gabear polas árbores ou pisar o céspede.
    • Tamén está previsto crear unha praza á que se poderá acceder por tres camiños de xabre, e que disporá de bancos e unha fonte.
    • Este proxecto complétase coa extensión do modelo Pontevedra á rúa da Seca e a remodelación da mobilidade no cruce con Casimiro Gómez e Fernando Olmedo.

Nesta semana arrancará o proxecto de mellora do ámbito da rúa da Seca que promove o Concello de Pontevedra e que engloba: a reforma da zona verde ao carón do Centro de Tecnificación Deportiva, a mellora da primeira parte da rúa da Seca ampliada ao seu entronque con José Mavar, e a reordenación da mobilidade no cruzamento de Casimiro Gómez, Fernando Olmedo, Camiño Vello de Castela e A Seca.

Nesta actuación, coordinada polos departamentos de Obras e Parques e Xardíns, farase un investimento superior aos 250.000 euros, sen incluír a reforma da zona verde que se fai a cargo das inversións que está obrigada a facer a concesionaria de Parques e Xardíns da cidade.

Precisamente, a primeira das actuacións en comezar será a remodelación da zona axardinada entre o Centro de Tecnificación Deportiva de Galiza, a rúa Camiño Vello de Castela e José Malvar Figueroa.

Nesta parcela, a Concellaría de Parques pretende crear un espazo que sexa moi empregado por todos os pontevedreses, no que se poida pisar a herba, gabear as árbores (cando estean crecidas)… en fin, que os pontevedreses poidan gozar da zona verde e xogar nela.

Disporá de sete especies distintas de árbores e grandes arbustos. Un total de 28 exemplares: 5 árbores das tulipas ou Tulipeiro, 5 tileiros silvestre, 4 faias, 5 pereiras de flor, 4 cedros de Oregón ou falso ciprés, 4 cerdeiras de flor, 1 árbore da seda. O propósito desta plantación de folla perenne é proporcionar cor durante todo o ano.

A intervención paisaxística completarase con tres sendeiros que partirán do Camiño Vello de Castela e José Malvar Figueroa para confluír nunha praza na que haberá unha fonte e bancos para o descanso. Esta praza e os sendeiros serán de xabre e estará ben iluminada cunha columna situada no centro da nova zona de estancia.

Nestes momentos, a zona verde xa está valada para iniciar os traballos ao longo da vindeira semana e tamén dispón da terra vexetal necesaria para os labores de xardinería. Toda esta intervención paisaxística poderá estar rematada cara finais de ano.

Obras na rúa da Seca

A creación da nova zona verde no barrio da Seca completarase co proxecto de mellora da rúa da Seca e a reordenación da mobilidade no cruzamento de Casimiro Gómez con Fernando Olmedo e a Seca. Son dous proxectos que suman máis de 250.000 euros e que recentemente foron adxudicados á empresa E.C.Casas, polo que as obras poderán comezar nunhas semanas, logo de completar a tramitación administrativa.

Unha das intervencións farase no primeiro tramo da rúa da Seca e o seu cruce con José Malvar a onde chegará o modelo Pontevedra coa ampliación das beirarrúas e reducindo a un só o carril de circulación. Manterase o estacionamento de servizos a un dos lados. A obra foi licitada por 224.967,44 euros e adxudicada por 170.525 euros.

A outra das actuacións previstas na zona pretende eliminar o estacionamento indiscriminado e caótico que hai no cruzamento de Casimiro Gómez, Fernando Olmedo, Camiño Vello de Castela e A Seca, e reordenar o tráfico e todas as mobilidades nesta parte da cidade.

Para acometer esta obra, o proxecto crea unha nova praza arborada e novos circuítos peonís seguros. Tamén está previsto o calmado do tráfico e a creación de 19 prazas de estacionamento en batería en sentido contrario á circulación, confinadas no estremo.

Entre as medidas de tráfico está a instalación de pasos sobreelevados e o cambio do sentido de circulación da rúa Camiño Vello de Castela, que será en dirección José Malvar.

O orzamento de licitación desta obra foi de 118.935,68 euros, e a adxudicación á empresa E.C.Casas por 83.017 euros.