Condolencias polo falecemento de Manuel Moldes

47

O Concello de Pontevedra expresa publicamente o seu pesar polo falecemento do pintor Manuel Moldes, protagonista e referente indiscutible da vida pública e cultural de Galiza, e especialmente da cidade de Pontevedra, onde desenvolveu toda a súa vida profesional e persoal.

Referente da arte contemporánea galega das últimas décadas, vinculado ao movemento artístico Atlántico, Manuel Moldes foi un decidido defensor das artes co selo galego. Destacou, tamén, pola súa actitude combativa ante a vida, mantendo sempre a cabeza e o corazón en Pontevedra, cidade que nunca abandonou e na que desenvolveu a súa vida profesional vinculado á facultade de Belas Artes, formando a novos creadores.

O Concello mantivo sempre un contacto directo co creador pontevedrés. De feito, e a modo de exemplo, o último cartel da Peregrina leva a rúbrica de Moldes e varios agasallos institucionais foron obras súas. Ademais, mantiña un vínculo directo coa Alcaldía nestes momentos coa que estudaba unha proposta para deixar a súa pegada nunha rúa da cidade.

O Concello de Pontevedra quere transmitir o seu pesar e dor por esta gran perda para o vida cultural e artística da cidade, que sen dúbida hoxe se atopa consternada. E envíalle as súas condolencias á familia, ademais do seu apoio e colaboración en todos os actos que se propoñan en homenaxe deste creador irrepetible.