Un orzamento de 75 millóns, fortemente inversor, con gran contido social e que prioriza as parroquias

82

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto de orzamentos 2018 que comezará a debatirse cos grupos políticos municipais mañá mesmo, nunha primeira comisión na que se presentará o borrador definitivo. O concelleiro de Economía, Raimundo González explicou esta mañá que o orzamento ascende a 75.180.000 euros, é dicir, un 3,15% superior ao orzamento de 2017 que está vixente.

Dende o primeiro borrador que o concelleiro comezou a elaborar cos encontros coas Federacións de veciños no mes de outubro, fixéronse algunhas modificacións; as máis importantes foron:

  • Modificación da partida de persoal que se incrementa en 70.000 euros para partidas de substitucións.
  • No Capítulo 2, inclúese o incremento do Servizo de Axuda no Fogar así como a contratación de dúas asistencias técnicas para a realizar un estudo sobre o calmado de tráfico na cidade por valor de 20.000 euros e outra para analizar as marxes do río Lérez por valor de 30.000 euros. Tamén se crea unha partida de 5.000 euros para a recollida de animais moribundos.
  • A partida que varía fundamentalmente é a de investimentos que se achega aos 12.800.000 euros. Entran todos os proxectos financiados cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER); 97.000 euros do ARI de Estribela para obra pública; 181.000 euros do ARI do Centro Histórico para obra pública; 1.180.000 euros para mellorar a dotación de bombeiros (especialmente destinada para mercar un novo camión escaleira); 100.000 euros para a reforma de Mollavao que se conveniará coa Deputación; ou 125.000 euros para infraestrutura de compostaxe.
  • Ademais, o capítulo de transferencias de capital a outras administracións para a execución de proxectos tamén incrementa nun 3% ao respecto de 2017.

O concelleiro de Economía calificou o orzamento de fortemente inversor, cun elevado contido social como se pode ver polas contías do Servizo de Axuda no Fogar, o capítulo de formación, de promoción económica, de turismo ou do Pazo da Cultura; e beneficia substancialmente ás parroquias do rural, xa que se produce un investimento de 115 euros no ámbito urbano fronte aos 260 euros no rural.

Este orzamento será debatido na Comisión de Contas de mañá, e nunha segunda comisión a vindeira semana, para ser tratado pola Corporación Municipal o venres, 15 de decembro.