Raimundo González: “Aínda temos marxe suficiente”, sobre o estado do Lérez

47

    • Logo de falar con veciños e mariscadores afecados polo transvase do Verduxo, asegurou que é preciso repensar a decisión e solicitar estudos científicos, de impacto ambiental e un proxecto, xa que do río e do fondo da ría de Vigo viven centos de familias.

O caudal do río Lérez é, nestes momentos, duns 4,3 metros cúbicos/segundo, segundo explicou esta mañá o concelleiro responsábel do Ciclo da Auga, Raimundo González que indicou que, ante a avaría do aforador do Lérez, son as estimacións que fai a empresa concesionaria, Viaqua, en función da altura do Lérez e do estado das bombas de captación.

“Aínda temos marxe suficiente”, concluíu Raimundo González que informou de que Pontillón se atopa a un 85,70% da súa capacidade, o que suporía ter auga para 50 días. E Pontillón aínda permanece pechado. Ademais, é auga totalmente potabilizable.

Os datos do consumo tamén son favorables porque os fogares da ría diminuíron o consumo a 27.225 metros cúbicos/día, cando nestas alturas sen estar a 31.000 metros cúbicos/día.

O concelleiro responsable do Ciclo da Auga, Raimundo González tamén quixo facer unha valoración da decisión da Xunta de transvasar auga do Verduxo ao encoro de Eiras, logo de manter onte reunións con veciños e cos mariscadores do fondo da ría de Vigo.

“Non se pode tomar á lixeira a repercusión da redución do caudal ecolóxico do río Verduxo polas consecuencias que pode haber nos bancos marisqueiros do fondo da ría de Vigo”, manifestou Raimundo González, quen indicou que sería preciso un estudo científico serio, un estudo de impacto ambiental e tamén un proxecto da obra. “E non temos nada disto”, concluíu, asegurando que “non se sabe se resistirá o río, do que viven centos de persoas”.

Recordou que a obra estará feita na primavera “cando xa están previstas chuvias, e non vai solucionar o problema. Realmente, o que pode é supoñer máis problemas”.

O concelleiro manifestou que se poden tomar outras vías de traballo como eliminar as perdas do encoro de Eiras que pode chegar ao 30% ou mellorar toda a rede de auga, que nalgúns sitios están en moi mal estado “chegando a ter perdas do 60% da condución”.

Destacou que a reforma urbana de Pontevedra “non é so o traballo en superficie coas árbores ou as lousas do chan, senón que hai un importante traballo e inversión soterrada”. Pendente de recibir o dato, Raimundo González manifestou que as perdas en Pontevedra están por debaixo do 5%.