Un skatepark no campus válido para eventos internacionais

60

‣ Unha empresa especializada traballa no deseño e proxecto básico e construtivo da estrutura

Os traballos para a construción do futuro skatepark no campus da Xunqueira avanzan, segundo explicou hoxe o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña. Por unha banda, os servizos xurídicos da Universidade estudan a mellor fórmula para ceder ao Concello a parcela na que vai a ir a infraestrutura; por outra, os contactos técnicos municipais, skaters de Pontevedra e Universidade sucédense e paralelamente o Concello ven de encargar o proxecto básico e construtivo da próxima instalación á empresa Daw Oficce, atendendo as demandas e necesidades dos usuarios, compartidas coa firma especializada en este eido (accesibilidade, iluminación, mobiliario…).

Técnicos da empresa visitaron xa o espazo no que se vai a construír. Trátase da parcela de entrada ao recinto universitario, dende a rúa Celso Emilio Ferreiro á man esquerda.

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, sinala que a futura infraestrutura do campus “está pensada para a práctica do skate e deportes afines pero tamén para que sexa válida para a celebración de eventos estatais e internacionais”.

Dende as concellarías de Xuventude e de Obras, que promoven esta actuación conxuntamente, destácase a conexión da cidade cos centros educativos e universitarios e o feito de que esta instalación reforzará a Xunqueira como espazo de lecer, esparexemento e deporte escollido polos pontevedreses para gozar das súas horas libres.

Mentres que o proxecto do skatepark avanza, Pontevedra conta cun skatepark provisional en Mollavao. Segundo o concelleiro de Xuventude a afluencia a esta instalación en grande, ten usuarios de Pontevedra pero tamén chegados de Marín, Cangas, Moaña, Tui,Vigo, Vilagarcía, Santiago e A Coruña pero, sobre todo, subliña “o moi bo ambiente que ten coa veciñanza e a súa integración no barrio a pesar do inicio tortuoso qcalidue tivo”.

A alta calidade e funcionalidade da instalación é recoñecida polos usuarios do skatepark provisional. Non é casual, engade Oubiña, que “pidan asesoramento a Asociación de skaters e ao Concello para replicalo en outras vilas”.

A falta de ter o proxecto definitivo do skatepark da Xunqueira o Concello calcula un investimento para esta infraestrutura de 250.000-300.000 euros.