Esta semana comezan os traballos para instalar un segundo centro de compostaxe no Campus

30
    • Terá seis módulos e atenderá só á Escola de Forestais.
      O actual composteiro quedará integramente para Ciencias Sociais.
    • Trátase dun compromiso do Concello coa Universidade dada a redución dos tempos no tratamento dos biorresiduos no centro de compostaxe actual, que ten 10 módulos.

Esta semana comezarán os traballos para pór en marcha o segundo centro de compostaxe no campus universitario de A Xunqueira. Como xa é habitual, primeiro instalarase a base do composteiro (feita cunha  base de formigón e dotada con punto de auga e tamén de papeleira) e a continuación colocaranse seis módulos de compostaxe. Nesta ocasión a situación do novo centro será o aparcamento da Escola de Forestais (fronte ao campo de fútbol de herba sintética da Xunqueira).

Este é un compromiso do Concello de Pontevedra co Campus universitario dado que a produción do composteiro actual ten un rendemento superior ao agardado. Comprobouse día a día, que o proceso de tratamento dos biorresiduos teñen un tempo menor do previsto polo que se fai preciso un novo centro de compostaxe.

Na actualidade o Campus universitario dispón dun centro entre as escolas de Ciencias Sociais e de Forestais. Ten dez módulos e composta arredor de 200 comidas da cafetería de Ciencias Sociais e 80 comidas da Escola de Forestais. O novo centro de compostaxe atenderá soamente a Forestais e o primeiro só á Facultade de Ciencias Sociais.

Cabe lembrar que nos tres primeiros meses de funcionamento do composteiro do Campus recolléronse 5 toneladas de biorresiduos, e a previsión é que remate o ano (dende a súa implantación) con 20 toneladas. Segundo os técnicos, o compost xerado na Xunqueira é de moi boa calidade, carece de materiais pesados e ten un índice de nitróxeno biolóxico que ten chegado ao 7% (para facer compost de calidade agárdanse cifras do 2%).