O Concello remata o proxecto que impedirá as carreiras ilegais no estacionamento do Campiño

117
    • Supuxeron un investimento de case 200.000 euros.
    • Tamén se rozaron as parcelas municipais, se fixo unha nova sinalización para a entrada de vehículos pesados e renovouse toda a iluminación pública que se substituíu por leds.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mañá unha reunión coa comunidade de propietarios do Polígono do Campiño para valorar as obras de mellora da accesibilidade no estacionamento do parque empresarial de Marcón que pretenden evitar as carreiras ilegais de vehículos que se rexistraban periodicamente no lugar, especialmente, nas noites das fins de semana.

Os traballos consistiron na instalación de elementos de calmado de tráfico (medianas) con pasos de peóns elevados que se están a rematar nestes días co seu pintado. O custe da actuación é de 197.064,51 euros.

Ademais, nesta primeira fase de obras realizouse unha sinalización específica para a entrada de vehículos de gran tonelaxe noutro acceso ao Camiño, rozáronse as parcelas municipais e tamén se substituíu todas as luminarias por leds. Este último foi un investimento que superou os 59.000 euros, pero que supoñen un importante aforro na factura eléctrica anual do Concello e que se amortiza en tres anos.

Finalmente, o alcalde xunto aos concelleiros de Promoción Económica e Obras, Anabel Gulías e Demetrio Gómez mantiveron unha reunión posterior á visita destas obras cos representantes dos empresarios do polígono para abordar unha memoria de melloras solicitadas polos empresarios.

Nesta memoria figura a supresión de barreiras arquitectónicas o ámbito da cafetería do Polígono, realizando un deseño con novos acabados superficiais e de pavimentación, e reordenación do arborado existente. Tamén se recolle a creación dunha área de estacionamento para turismos nunha parcela municipal e a reposición de toda a sinalización horizontal do parque, con especial atención ás contornas das parcelas para garantir as entradas e saídas de vehículos pesados, impedindo o estacionamento nas zonas de xiro dos camións.

Estas actuacións teñen unha valoración inicial de 212.578,95 euros.

Este documento de traballo será agora estudado polos empresarios nunha próxima asemblea, e logo trasladarán as conclusións últimas ao Concello, de tal xeito que se poidan elaborar os proxectos e comezar a executalos ao longo do vindeiro ano.

Daquel encontro, o alcalde destacou que o Concello “ten o máximo interese en colaborar cos empresarios do polígono e facilitar o traballo porque neste espazo hai moitas empresas e queremos que haxa máis”. No polígono do Campiño están radicadas 64 empresas en 84 parcelas, e xera arredor de 1.000 postos de traballo directos.