Un parque infantil para A Canicouva e o asfaltado da Fontaíña, en Lérez

93

A comunidade de montes da Canicouva cede ao Concello de Pontevedra o uso dunha
parcela de 1.762 metros cadrados para a construción dun parque infantil, segundo informou hoxe o portavoz do Goberno local e concelleiro da parroquia, Raimundo González.

A Xunta de Goberno local aceptou a cesión da finca, situada próxima á Igrexa para uso lúdico. En principio, explicou González Carballo, construirase un parque infantil e non se descarta que nun futuro se habilite tamén algún tipo de pista deportiva.

“A Canicouva é a única parroquia sen parque infantil” lembrou o portavoz do Goberno local. O novo espazo de lecer porá fin a esta situación ao tempo que “axudará a artellar o núcleo de centralidade” da parroquia xa que quedará entre a Casa da Cultura e o campo da festa.

Obras en Lérez
A Xunta de Goberno local tamén aprobou hoxe a adxudicación das obras de rehabilitación
dos accesos a Fontaíña, na parroquia de Lérez. As obras foron adxudicadas á empresa COVSA por un importe de 236.310 euros. O prazo de execución previsto é de catro meses.