Os eventos deportivos estatais e internacionais traerán a Pontevedra arredor de 40.000 persoas en 2018

186

    • O Departamento de deportes traballa en dez eventos xa confirmados de loita, waterpolo, natación, orientación, tenis de mesa, tenis, triatlón, squash, carrilanas e piragüismo.
    • Tres destas competicións servirán para testar os circuítos e instalacións de cara ás citas internacionais (mundiais e europeas) de 2019: triatlón, loita e balonmán.
    • Anxos Riveiro confirma que Pontevedra é a cidade do Estado que máis eventos deportivos escolares organiza segundo o CSD.

O Torneo internacional de España masculino absoluto “Memorial Domingo Bárcenas” e o Campionato de España de seleccións territoriais, ambos os dous de balonmán, foron o arranque de luxo do Concello de Pontevedra para un ano no que o deporte de alta competición visitará con moita asiduidade a cidade, nos seus distintos escenarios deportivos: pavillón municipal, pontillón do Castro, instalacións de Mourente do Casino Mercantil, o complexo acuático de Ponte Muíños… Ademais, algúns deles testarán probas internacionais (mundiais e europeas) que Pontevedra acollerá en 2019: triatlón, loita e balonmán.

A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro explicou esta mañá que o calendario de eventos deportivos federados extraordinarios previstos para o 2018 traerán a Pontevedra unhas 40.000 persoas entre deportistas, familiares, adestradores, equipos técnicos… “Unhas cifras que din moito da nosa cidade, que dende 2008 colleu a estratexia de promocionar o deporte traballando en liñas claras, de feito somos a cidade do Estado que máis eventos deportivos escolares organiza, segundo nos confirmou o Consello Superior de Deportes”, explicou.

As competicións de balonmán da pasada semana foron un bo catalizador para o Mundial de balonmán junior que acollerán as cidades de Pontevedra e Vigo o vindeiro ano. Resultaron todo un éxito na cidade de Pontevedra: de público, de espectáculo e de deportistas asistentes, dado que se rexistraron máis de 2.000 xogadores e 104 equipos no Campionato de España de seleccións territoriais, ao que se sumou a beleza e emoción da alta competición do Memorial Domingo Bárcenas.

Repercusión económica tamén supuxo para a cidade un gran revulsivo, dado que nunha época do ano no que a ocupación hoteleira está baixo mínimos, a ocupación media dos hoteis rondou o 70%

O Concello de Pontevedra recibiu as felicitacións de distintas federacións autonómicas pola boa organización, e dende a Concellaría de Deportes quérese recoñecer o traballo realizado polos 400 voluntarios que participaron, así como a todo o persoal das federacións e das concellarías de deportes que fixeron realidade, con escasas incidencias, un espectáculo de organización moi complicada ao participar unha grande cantidade de persoas até en catro sedes distintas.

Calendario de eventos deportivos extraordinario

O calendario de deportes do Concello ten pechadas moitas citas estatais e internacionais de aquí ao 31 de decembro, que se sumarán á intensa actividade deportiva de eventos locais e galegos, como xa ven sendo habitual.

    • A vindeira cita é o Campionato de España escolar e cadete de Loita que se celebrará o 17 de marzo no Pavillón Municipal e ao que asistirán arredor de 450 rapaces. Esta cita é unha previa para testar o Europeo que acollerá a cidade do 4 ao 9 de xuño de 2019.
    • Do 23 ao 25 de marzo Pontevedra acolle a final da Copa de Europa de waterpolo feminino en Pontemuíños. É a primeira vez que esta competición sae de Barcelona.
    • E do 25 ao 28 de marzo, Pontemuíños tamén acollerá o Campionato de España Infantil de natación no que participarán arredor de 800 escolares.
    • Outra das citas estatais é o Campionato de España de MTBO (orientación en bicicleta de montaña). Será entre o 27 e o 29 de abril en Pontillón do Castro, onde terá o seu centro de operacións, pero tamén visitarán outros concellos.
    • Campionato de España de veteranos de tenis de mesa será en abril e no que participarán máis de 500 deportistas. A competición será no pavillón municipal.
    • Do 2 ao 8 de xullo Pontevedra será a sede do Campionato de España Alevín de Tenis, organizado polo Casino Mercantil nas súas instalacións de Mourente e no que colabora o Concello de Pontevedra.
    • O 25 de agosto celebrarase o Campionato de España e Galego de longa distancia de Triatlón, que servirá para revisar o circuíto da proba internacional que se celebrará en Pontevedra no ano 2019 dentro do Festival Multisport Pontevedra que a Federación internacional de Triatlón celebrará na cidade.
    • O 9 de setembro celebrarase en Pintos, Marcón, o Campionato de España de deportes de Inercia (carrilanas).
    • Do 21 ao 23 de setembro está axendado o Campionato de España de seleccións autonómicas absolutas masculina e feminina de squash. É a primeira vez que Pontevedra acolle unha competición destas características. A Concellaría de Deportes e a Xunta de Galicia comezarán a promover este deporte entre os centros de ensino durante este curso e tamén con actividades na rúa. Celebrarase nas instalacións de Ponte Muíños.
    • A esta axenda hai que sumar as competicións estatais de piragüismo que se celebrarán en Pontillón do Castro e que se xestionan a través do convenio que o Concello ten coa Federación galega de Piragüismo. A Federación española aínda ten por pechar a axenda de eventos de 2018.

Ademais destas citas extraordinarias, o departamento de Deportes está a traballar coa posibilidade de que Pontevedra acolla no mes de xuño o Campionato de España Infantil de Baloncesto. Nestes momentos estanse a resolver certas cuestións de carácter técnico.