Víctor Pedreira e a Escola Xadrez Pontevedra, Premios Cidade de Pontevedra 2017

300
  • O xurado destacou do psiquiatra Pedreira Crespo a súa “defensa inquebrantable” da sanidade pública
  • Valorouse no caso da EXP a súa vertente escolar, social e solidaria

O xurado, entre as nove propostas que tiña enriba da mesa, elixiu por unanimidade ao psiquiatra Víctor Pedreira (na categoría de persoa física) e a Escola de Xadrez Pontevedra (na de persoa xurídica) como Premios Cidade de Pontevedra 2017.

A presidenta do xurado e concelleira de Cultura, Carme Fouces deu os Parabéns! a todos os candidatos/as, “calquera deles merecedor do galardón pola gran presenza que teñen na cidade e o traballo que desenvolven a prol da cidade e de todos nós”. Todos eles amosan que “somos unha cidade viva e dinámica”. De seguido deu a coñecer aos gañadores e expor os motivos que xustificaron a elección:

Víctor Pedreira Crespo, foi elixido pola “súa defensa inquebrantable” da sanidade pública. Lembrou que forma parte da Plataforma SOS Sanidade Pública dende o seu inicio, é un referente da psiquiatría e moi vencellado a cidade de Pontevedra, onde desenvolveu a súa actividade profesional durante 40 anos. A súa candidatura foi presentada pola Asociación Alba de familiares e amigos de persoas con enfermidade mental de Pontevedra, coa que colabora desde a súa creación.

Escola Xadrez Pontevedra (EXP), valorouse nela varias vertentes. A vertente escolar, ao achegar a xadrez aos nenos e nenas da cidade durante todos estes anos; a vertente social, abre as súas portas a todas as persoas que se interesan polo xadrez que queren facer do seu ocio e tempo libre algo produtivo e unha vertente moi solidaria, a que está a desenvolver coas súas viaxes aos campos de refuxiados sirios de Azraq (Xordania) onde creou escolas de xadrez. Están levando o nome de Pontevedra fóra e deixando o pavillón moi alto. A súa candidatura foi presentada polo Casino Mercantil de Pontevedra.

O xurado estivo presidido pola concelleira de Cultura, Carme Fouces e formaron parte del os concelleiros Anxos Riveiro, Alberto Oubiña e Pilar Comesaña (Goberno local), Aurora Cañizares e María José Rodríguez Teso (representantes do PP), Paloma Castro (PSOE), Carme Moreira (Marea Pontevedra); José Manuel Loureiro, o presidente da Federación Castelao, (representante das asociacións veciñais); José Luis Estévez Solla, secretario dA Asociación Cedofeita (representantes das asociacións culturais) e Alex Expiño, periodista de pontevedraviva.com (representante medios de comunicaciónl).

Os premios que levan o nome da cidade entregaranse como cada ano nun Pleno extraordinario de honra que se desenvolverá no Teatro Principal o 20 de xaneiro, día de San Sebastián, patrón da cidade.

A candidatura de Víctor Pedreira competía coas do triatleta Pablo Dapena proposto pola Aula Educación Vial de Pontevedra; do cirurxián cardiovascular Javier Coba Salvador presentado pola Asociación Amigos de Pontevedra e a da portavoz veciñal Mariluz Fernández presentada pola Federación de asociacións de veciños Teucro.

Pola súa banda a Escola Xadrez Pontevedra impúxose ás candidaturas da Clínica Médico-estética Trini Maquieira, presentada por Amencer- Aspace; Landín informática, impulsada por Aempe e AJE Pontevedra e a Mancomunidade de montes en man común do Pontevedra, presentada pola Federación de asociacións de veciños Teucro.