O Concello recibe a cesión do campo de Campañó para construír o novo de herba sintética

34
    • En breve asinarase un convenio coa Deputación por uns 2,4 millóns de euros para financiar o campo de Campañó e o de Ponte Sampaio.

A Xunta de Goberno aceptou esta mañá a cesión dunha parcela de 10.920 metros cadrados no monte da Tomba, na parroquia de Campañó, propiedade dos comuneiros da parroquia para construír dun campo de fútbol de herba sintética de última xeración. A cesión é por 30 anos prorrogables por outros 30 máis.

A construción do campo de fútbol farase ao abeiro do convenio que este mes asinarán o Concello de Pontevedra e a Deputación provincial por valor duns 2,4 millóns de euros en os que se incluirá, ademais do campo de Campañó, o de Ponte Sampaio. O campo de Campañó ten un orzamento de licitación de 999.437,36 euros e o de Ponte Sampaio, 1.397.120 euros.

Neste convenio, que se asina con cargo ao investimento anual que a Deputación fai nas grandes cidades da provincia, será a institución provincial a encargada de financiar as dúas obras e o Concello de redactar e executar os proxectos.

Segundo explicou esta mañá o portavoz do Goberno, o proxecto de Ponte Sampaio é máis custoso porque vai incluída a demolición do actual campo de fútbol. O Concello xestiona ante Costas a desafectación do actual campo que se incorporará, no futuro, á praia fluvial, a espazos de lecer e tamén ao torreiro da festa.

Campo de Campañó

O Concello xa dispón do proxecto do novo campo de fútbol de Campañó que estará nas actuais instalacións de terra. Prevese crear un terreo de xogo de de fútbol 11 e dous campos de fútbol-7. A iluminación retirarase até o extremo para aproveitar ao máximo o terreo de xogo.

Instalaranse catro vestiarios para deportistas e dous para árbitros. O campo de herba cumprirá os parámetros da Fifa Quality. Tamén disporá de bancada, aseos, cantina, almacén e zona de maquinaria.

As edificacións disporán dun recubrimento de Viroc (lousas de fibrocemento) que non fagan destacar os edificios co terreo. Como singularidade, terán cinco fachadas. Estarán dispostos de tal xeito que parece un só edificio polo que se “filtran” as persoas usuarias, aínda que en realidade o público só pode entrar entre os tres edificios finais para pechar a zona dos futbolistas.

O de Campañó e o de Ponte Sampaio serán o terceiro e cuarto campos de fútbol de herba sintética que o Concello contratará neste mandato: O de Cerponzóns, en Chan do Monte, adxudicado á empresa Prace por 864.972,38 euros está construíndose e o de Santa María de Xeve, en Gatomorto, adxudicado a Covsa por 859.953,23 está coas actuacións preliminares.