Discurso con motivo dos Premios Cidade de Pontevedra 2017

19

Queridas concelleiras e concelleiros

Señores premiados

Membros do Xurado do Cidade de Pontevedra

Funcionarios públicos

Queridas amigas e amigos,

Un ano máis chega unha das citas máis agardadas e ledas da cidade. Aquela na que Pontevedra escolle ás persoas ou entidades de maior relevancia e arraigo social, que pola súa traxectoria e bo facer a prol do nome da Boa Vila, representan o mellor do noso espírito social.

Os Premios Cidade de Pontevedra serven para reflictírmonos a todos e todas cada ano en dúas propostas, que son sinónimo de encontro e acordo, unha premisa coa que todas e todos estamos a construír esta Pontevedra de convivencia en harmonía, cooperación, defensa do noso e confianza no futuro.

Exemplo destes valores son os premiados desta volta, que aínda que representan dous aspectos distintos da nosa sociedade, son complementarios e conflúen na súa contribución de facer cidade, facer benestar, en definitiva, unha vida mellor para todos e todas.

Tanto o doutor Pedreira como a Escola de Xadrez son dous expoñentes urbanos de que a realidade cotiá pode ser mellorada coa mera vontade, coa enerxía que cada cidadán, desde o seu entorno, pode entregar aos demais.

E nese marco están tamén o resto de candidatos que se propuxeron, aos que quero felicitar porque, sen dúbida, todos eles están cheos de razóns para seren premiados, se ben sempre hai que elixir un en cada modalidade.

Valores positivos coma a harmonía veciñal, a integración, a igualdade -vacinas contra o individualismo e o illamento-, están na base de premiados e candidatos.

Así entendimos a decisión do xurado de outorgarlle o premio á Escola de Xadrez de Pontevedra, que de xeito discreto e silandeiro foi facéndose imprescindible na cidade até o punto de levar á rúa este deporte, enchéndoa de ducias de táboas e facéndoo un imprescindible para os pontevedreses.

O xadrez é unha mistura de intelixencia, san competitividade e unha disciplina que exercita a mente e favorece a memoria. Pódese aprender e xogar a calquera idade, e favorece, entre outras habilidades, a concentración, a capacidade de predicir, a paciencia, o traballo intelectual e a creatividade. É un xogo no que o importante é a propia competencia e capacidade, no que o adversario é, ao tempo, un competidor e un aliado nesa mellora que nunca acaba. Por iso, todas as partidas rematan cun apretón de mans.

Así queremos que sexa a vida dos nosos cidadáns. Intelixente, esforzada para acadar os seus obxectivos e soños, brillante como un precioso baile de pezas.

Cada xadrecista debe confiar en si mesmo, competir e intentar unha vitoria na que a intelixencia é a peza fundamental, a que nos fai chegar a onde queremos.

Grazas polo voso traballo cheo de alegrías. Grazas polo moito que vos esforzades en coidar a vosa canteira, en persuadir a máis e máis mozos e mozas para que se impliquen no xogo, por facer grande este deporte na nosa cidade.

E grazas en nome de todas e todos, por ese outro labor que facedes, implicándovos na axuda a tantas mozas e mozos que tiveron que abandonar as súas vivendas, as súas cidades.

Canalizando tanto material deportivo como formando monitores para levar o xadrez aos campos de refuxiados, onde tan necesarios son os estímulos de socialización e deporte para que nenas e nenos participen nun ocio creativo e de esforzo mental.

E se a Escola de Xadrez impulsa un deporte de alta implicación cerebral, o noso outro premiado ten precisamente no cerebro das persoas o seu principal campo de operacións.

O doutor Victor Pedreira é un psiquiatra de referencia na nosa cidade. O seu compromiso profesional sempre foi máis aló da súa responsabilidade laboral, impulsando novas fórmulas de atención ao paciente como a área de psiquiatría do hospital público, onde conta cun amplo recoñecemento e prestixio.

Tamén é un gran defensor da sanidade pública, a través da plataforma de profesionais e veciñanza que sempre se manifestaron firmes ante as constantes ameazas de privatizar os hospitais e outros servizos sanitarios.

Quero crer que tanto a quen presentou a candidatura como a quen elixiu ao doutor Pedreira como premiado, moveuno, dalgún xeito, a súa aposta pola sanidade pública como servizo esencial nunha sociedade que aspira a maiores niveis de igualdade e cohesión social.

Grazas a profesionais coma el, Pontevedra freou o intento privatizador que ameazaba á súa estrutura hospitalaria, felizmente abandonado polas autoridades sanitarias.

A ampliación de Montecelo será, por tanto, unha realidade grazas a persoas como Víctor Pedreira, con quen compartimos esa batalla e a quen hoxe agradecemos a valentía e coraxe.

Non podo esquecer o papel que na psiquiatría pontevedresa xoga tamén a Asociación Alba, quen o propuxo para o premio e que ten un enorme mérito na integración das persoas con enfermidades mentais.

Grazas inmensas pola vosa proposta.

Tamén, por suposto, quero agradecer ao Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra a súa candidatura da Escola de Xadrez.

A todos eles, os meus parabéns, que son os de toda a Corporación e de todos os cidadáns e cidadás de Pontevedra.

Son parabéns que nos gusta compartir coas vosas familias, amigos, compañeiros e colaboradores.

Xuntos conseguimos unha cidade mellor, un mundo mellor.

Amigas, amigos,

Viva Pontevedra