Concello e Federación pechan a parte técnica da final Europa Cup de waterpolo feminino Pontevedra 2018

80

    • Os directores técnicos do Concello e da Federación mantiveron unha reunión nas dependencias municipais, e logo trasladáronse a Pontemuíños para visitar as instalacións

O Concello de Pontevedra e a Federación Española de Natación mantiveron esta mañá unha reunión técnica para abordar a vindeira celebración da Europa Cup Waterpolo Feminino Pontevedra 2018 que se celebrará na Fundación Rías do Sur do 22 ao 24 de marzo. O director do Servizo de Deportes do Concello, Jaime Agulló, e o director técnico de waterpolo da Federación Española de Natación e exseleccionador, Rafael Aguilar, abordaron nunha reunión celebrada esta mañá nas dependencias do Servizo no Pavillón municipal, distintos aspectos relacionados con esta vindeira cita.

Naquel encontro concretáronse as instalacións nas que se van disputar os partidos; a capacidade hoteleira; os horarios e calendarios; o organigrama; a seguridade na copa de Europa ou os actos protocolarios.

A reunión rematou cunha visita ás instalacións de Ponte muíños, na que os responsables técnicos do Concello e da Federación estiveron acompañados dos representantes da empresa Supera, xestora das piscinas, e da Fundación Rías do Sur, titular da instalación, que amosaron a súa total colaboración co evento.

No campionato participarán arredor de 120 deportistas de elite mundial, xa que en Pontevedra estarán as seis seleccións máis importantes do mundo agás a china, norteamericana e canadense. De feito, estase estudando a posibilidade de que os encontros sexan retransmitidos por Televisión española.

Ademais, o Concello traballa na posibilidade de organizar actividades paralelas ao campionato aproveitando a presenza da selección española na cidade co propósito de contribuír a difundir a práctica do waterpolo tanto en Pontevedra como en Galicia.