Lores expón o modelo Pontevedra nun percorrido guiado por Elx

54
  • Convidado polo IECBV, explica a transformación da cidade á concelleira de Mobilidade, a membros da entidade anfitrioa e representantes da Plataforma Salvem el Mercat

Unha sesión de traballo con responsábeis do Institut d´Estudis Comarcals del Baix
Vinalopó (IECBV) de toma de contacto, e un longo e comentado percorrido pola cidade -no
que participaron tamén a concelleira de Mobilidade, Esther Díaz e representantes da
Plataforma Salvem el Mercat- ocupou a mañá do alcalde de Pontevedra, Miguel
Fernández Lores en Elx. Neste tempo tamén atendeu a medios locais, interesados en
coñecer o modelo Pontevedra e as razóns que fan do noso modelo urbano un referente
no mundo.

Fernández Lores está en Elx convidado polo Institut d´Estudis Comarcals del Baix
Vinalopó, que quere coñecer polo miúdo o modelo Pontevedra -como se formulou, os
pasos dados para acadar a transformación radical dos últimos anos, as reticencias e os
apoios tidos neste percorrido…-, nun momento no que está de plena actualidade o
proxecto municipal de avanzar na peonalización do centro.

O alcalde pontevedrés escoitou, tanto na reunión primeira como ao longo do percorrido,
as propostas que barallan en Elx, comentou as posibilidades que percibe para recuperar o
espazo público para as persoas e expuxo as solucións acadadas en Pontevedra fronte a
situacións semellantes. “Eu estou aquí para expor e compartir a nosa experiencia, se
atopan inspiración en nós, encantados pero cada quen ten que atopar o seu propio
camiño”, subliñou Lores.

A concelleira de Mobilidade de Elx, Esther Díaz, agradeceu as aportacións e o
intercambio de impresión co alcalde de Pontevedra xa que “queremos cambiar o noso
concello en termos de sostenibilidade e, de feito, xa estamos abordando cuestións como a
peonalización”. Neste eido, “é de gran utilidade coñecer a experiencia dun municipio
como Pontevedra que ten implementado medidas de calmado de tráfico, que ten pensado
como deseñar e levar á realidade unha cidade para as persoas; poder coñecer de
primeira man as experiencias que teñen funcionado ben en Pontevedra é o mellor
que poderíamos usar en Elx”.