Rematado o proxecto para mellorar a calidade de vida do carballo de Santa Margarida ao apuntalar dúas ponlas

13
    • Dende o verán até hoxe fixéronse traballos de aireamento das raíces, unha poda sanitaria e un tratamento biolóxico para eliminar insectos.
    • O Concello vixiará o estado do exemplar xunto a Deputación provincial, da man da Estación fitopatolóxica do Areeiro.

O Concello de Pontevedra rematou hoxe os últimos traballos programados o pasado verán para mellorar a calidade de vida do centenario carballo de Santa Margarida co apuntalamento de dúas das súas ponlas. O sistema de apuntalamento consiste na disposición baixo un punto escollido para cada rama, dun puntal de aceiro macizo articulado cunha rótula na súa base e articulado libre na cabeza cun coxín de caucho baixo a rama e unha cincha de amarre que envolva a rama para evitar a caída do puntal coa forza do vento.

Estes puntuais nacen de sendas zapatas sen que o seu encofrado afecte ás raíces da árbore.

Sobre as ramas apuntaladas, unha delas crece cara a estrada e a outra crece en dirección ao centro da cidade. Ambas teñen problemas de conservación por ataques de fungos ou insectos xa tratados, e tamén por perdas importantes derivadas de roturas ou outros danos anteriores.

A solución que se propón é respectuosa co carácter patrimonial da árbore e da súa contorna, por iso limita a posibilidade de deseñar unha estrutura que inclúa elementos aéreos.

Esta é a última fase de actuación no carballo de Santa Margarida acordada polo Concello e a Deputación o pasado mes de agosto, despois da caída dunha ponla de 200 quilos o 31 de xullo, e logo da avaliación realizada pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro da árbore senlleira.

Até o de agora fíxose unha poda sanitaria e para descargar a árbore. Tamén se realizou un tratamento biolóxico contra os insectos xilófagos e o pasado setembro se fixeron labores de osixenación das raíces da árbore que están tapadas por asfalto.

En todo este proceso, o Concello contou co apoio do departamento de medio ambiente da Xunta de Galicia que autorizou estas intervencións. E dende hoxe manterase vixiante ante o estado do exemplar centenario, xunto á Deputación é a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que farán supervisións periódicas do carballo para coñecer a súa evolución.

Rematado o proxecto para mellorar a calidade de vida do carballo de Santa Margarida ao apuntalar dúas ponlas

Últimos traballos para mellorar a calidade de vida do carballo de Santa Margarida

Fúrase o piche para osixenar o carballo de Santa Margarida

Obxectivo: manter vivo o carballo de Santa Margarida

O Concello promove unha actuación urxente no carballo de Santa Margarida