O Concello ultima o proxecto de mobilidade de Benito Corbal

108
  • O concelleiro Gómez Xunqueira apunta como eixos: a ampliación das beirarrúa e a supresión de prazas de aparcamento libre, desbotando a plataforma única
  • Cobián Areal rexistra unha media de 9.800 vehículos ao día dos que arredor de 4.900 chegan ata a rúa Sagasta
  • A praza de Barcelos é o destino de 1.100-1.500 coches diarios dos 9.500 de media que acceden pola rúa Padre Gaite

O Concello de Pontevedra ultima o proxecto de mellora de mobilidade na rúa Benito Corbal -tramo Cobián Areal-Sagasta-, unha vez que os servizos técnicos contan cos datos de tráfico da contorna. Estes datos de cabida foron avaliados hoxe nunha reunión de traballo mantida polo concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez con técnicos municipais e responsábeis da Policía Local. “Agora temos que afinar o proxecto de Benito Corbal que practicamente está acabado”, sinalou Gómez Xunqueira quen anunciou que o seguinte será a reforma da rúa Lepanto.

“O primeiro que constatamos é que o que funciona ben é o sistema integral de mobilidade, o modelo urbano, non unha medida soa” subliñou o concelleiro Demetrio Gómez que deu a coñecer os datos de tráfico (diarios e do último Nadal) para acreditar esta conclusión. De feito, indicou, “foi o Nadal no que mellor funcionou o tráfico en Pontevedra”, só houbo un día (27 de decembro) no que foi necesario artellar cortes e desviar a circulación para garantir a mobilidade.

O concelleiro Demetrio Gómez puxo o foco en dous puntos: a contorna da reformada praza de Barcelos e o tramo de Benito Corbal que vai da rúa Cobián Areal á rúa Sagasta.

Dous comportamentos diferentes que teñen como elemento diferenciador a existencia, ou non, de prazas de aparcamento libre, medio cento no tramo de Benito Corbal.

A rúa Padre Gaite, de acceso á praza de Barcelos, rexistra o paso de arredor de 9.500 vehículos ao día, unha cifra que se incrementou unha media do 29% en tempo de Nadal (11.000 coches) e que chegou a ter picos de 14.500, como ocorreu o 29 de decembro. O seguimento da circulación amosa que de 1.100 a 1.500 vehículos tiveron como destino Barcelos (nalgunha xornada 2.000); arredor de 2.600 seguiron o seu camiño por Padre Amoedo e o resto por San Antoniño.

Respecto á rúa Benito Corbal, os datos recollidos debuxan a seguinte realidade. Por Cobián Areal circulan, en días laborais, unha media de 8.900 vehículos diarios e deles chegan ata Sagasta arredor de 4.900, “perdéndose o resto” polo camiño. E dicir, son coches ou que baixan cara Barcelos, quedan no seu destino (garaxes) ou estacionan na rúa. Mais tamén tense detectado que as actuais beirarrúas “non dan” para a cantidade de xente que vai por elas.

Con estes datos o concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, apunta un desbotamento da plataforma única neste tramo e o deseño dun proxecto que inlúe a ampliación de beirarrúas, a supresión de prazas de aparcamento libres e a creación de prazas de servizos e carga e descarga.