Joan Clos apela á valentía para realizar cambios coma o de Pontevedra

67
  • Pontevedra participa na sesión inaugural do Congreso da Rede Estatal de Cidades Educadoras en Lleida

O que fora alcalde de Barcelona, diplomático e director de ONU Hábitat, Joan Clos, referiuse a Pontevedra como un exemplo claro de éxito na xestión urbana, o que lle valeu o premio da súa organización internacional, dependente da ONU, e que recolleu o alcalde Miguel Fernández Lores en Dubai, en febreiro de 2015.

Foi durante a conferencia inaugural da asemblea xeral da Rede Estatal de Cidades Educadoras, unha sesión aberta á participación dos asistentes, na que a concelleira de Educación de Pontevedra, Carme Fouces, tomou a palabra para animar ás cidades presentes a actuar con valentía política no proceso de recuperación do espazo público para as persoas, “base principal para unha auténtica cidade educadora”.

A intervención de Fouces -a única que arrancou o aplauso do auditorio e que terá a súa continuidade mañá nunha mesa redonda sobre organización municipal- baseouse en que o cambio real das cidades non vai depender dos desexos de departamentos máis ou menos tanxenciais dos concellos, senón que debe partir da propia columna vertebral da política municipal, que conectará esa filosofía de cambio de xeito horizontal con todos os departamentos e servizos.

Ao respecto Joan Clos manifestou que “sabendo xestionar os cambios, os procesos de mellora das cidades poden ser un éxito. A xestión do cambio parte da vontade de mudar e da arte que se teña á hora de xestionalo”, dixo tras referirse a procesos semellantes ao de Pontevedra que el mesmo viviu en primeira persoa, cando peonalizaron a rúa Condal barcelonesa: “os comerciantes e algúns veciños víñanse a nós de xeito moi ruidoso e incluso violento, pero poucos anos despois esas mesmas persoas presumían fachendosas da nova imaxe do barrio sen coches”.

Carme Fouces entregou a Joan Clos un exemplar da publicación pontevedresa “Menos coches, máis cidade”, na que se recollen datos da experiencia de cambio da cidade. Agradeceulle a participación neste foro para axudar a aumentar a calidade urbana e a convertir rúas e prazas en espazos de convivencia tal como recolle a Carta das Cidades Educadoras que preside a filosofía urbana desta entidade.