Lores define a aposta de futuro para a cidade no Foro Empresa Pontevedra

29
  • Traballa a prol dunha Pontevedra de alta calidade urbana e de vida, centrada nos servizos, a creatividade e a innovación, con industrias compatibles e proxección internacional
  • A transformación urbana -pensada e participada- colocou a Pontevedra no mundo, subliñou o alcalde diante de 40 representantes empresariais da comarca

Confianza nos pontevedreses, amor e orgullo do noso e confianza no futuro foron piares que guiaron a transformación urbana da cidade e que guían o dinamismo, o crecemento e o posicionamento internacional de Pontevedra. Unha mensaxe que o alcalde Miguel Fernández Lores quixo deixar claro no Foro Empresa Pontevedra, durante o almorzo-coloquio que compartiu no Parador con 40 portavoces de organizacións empresariais (Cámara de Comercio, Aempe, AJE) e representantes e directivos do mundo da empresa e da banca, interesados en coñecer de primeira man o futuro pensado polo Goberno local para Pontevedra.

O alcalde tomou a palabra para expor os pasos dados para facer de Pontevedra o que é, froito dun deseño pensado, non da improvisación, no que houbo un alto grado de participación. Hoxe en día Pontevedra é un referente internacional de calidade urbana, sinalou o alcalde quen enumerou distintas variables que definen a nosa cidade como, por exemplo: gran dinamismo do comercio de proximidade (derivado dunha decisión política, contraria ás grandes superficies); un campus universitario con titulacións moi específicas que incrementou a súa matrícula un 8% e que ten unha relación directa co mundo da creatividade, un dos eixos de expansión económica de Pontevedra; un crecemento sostido no tempo, e que se disparou no último ano, do turismo; existencia de empresas e proxectos competitivos, innovadores e con proxección internacional; a poboación máis nova de Galiza, etc.

Lores declarouse “ilusionado” co futuro, insistiu na confianza que hai que ter na nosa xente e tendeu a man aos presentes “para traballar todos por Pontevedra”.

Un aposta en definitiva “por unha cidade de alta calidade urbana, centrada nos servizos e con industrias compatibles” resumiu o alcalde que após do almorzo respondeu as preguntas dos comensais. Estes amosaron interese por pulsar a opinión do alcalde Lores respecto á peaxe da AP-9; o papel que deberían xogar as entidades financeiras respecto as empresas e comercio local; que modelo económico pensa para Pontevedra e Ence.