Pontevedra anima ás cidades educadoras a priorizar a mobilidade e a xestión do espazo público

56
  • A concelleira Carme Fouces participa no XIII Congreso da Rede Estatal de Cidades Educadoras, en Lleida

A mobilidade e a organización do espazo público debe estar no centro da xestión dunha cidade educadora. Esta é a mensaxe coa que Pontevedra centrou o debate celebrado esta mañá no XIII Congreso Estatal de Cidades Educadoras que tivo lugar en Lleida e na que tamén participaron representantes de Girona e Barcelona. Carme Fouces, a concelleira de Educación, Cultura e Igualdade foi a encargada de informar ao congreso das características da organización interna do concello pontevedrés.

Os resultados da xestión en termos de sustentabilidade, de seguridade, saúde, mobilidade peonil e ciclista, aforro enerxético ou recuperación do espazo público serviron para iniciar con datos concretos un debate en torno á xestión interna dos municipios.

A organización municipal centrada no espazo público supón unha xestión bastante alternativa no panorama municipalista español, acostumado a que cada concellería realice políticas bastante autónomas ao respecto das demais. Fronte a este costume tan estendida, Carme Fouces propuxo unha xestión baseada en prioridades e limitada ás competencias que son realmente municipais, para que os concellos deixen de dedicar esforzos a espazos competenciais doutras administracións.

Neste senso, a concelleira de Educación propuxo o sistema de organización pontevedrés, que consiste na conexión entre as áreas de mobilidade e xestión do espazo público e o resto dos departamentos: obras públicas e privadas, urbanismo, cultura, deporte, festas, etc., de tal xeito que todas compartan as liñas básicas do modelo urbano e traballen na mesma dinámica, aproveitando os esforzos para promover transformacións reais.

Con todo, Carme Fouces precisou que “cada cidade ten que buscar o seu camiño e a súa propia metodoloxía”.

En canto á participación pública dixo que non o tiñan coma un mantra burocrático, senón como un sistema o máis directo posible, con veciños e veciñas participando “a peito descuberto, convocados con carteis nos seus portais e nos comercios do barrio”.

Ademais os proxectos son opinables pero non pode perturbarse o mandato electoral, que elixe un modelo apoiado polo conxunto dos veciños e veciñas. Esa liña do modelo de cidade si que é innegociable, pois foi a proposta electoral, o nivel participativo máis alto: “Non temos departamento de participación, porque a participación é total, non concibimos a política sen participación”.

Ao contrario da “transversalidade” que expuxeron outras cidades, Pontevedra traballa con prioridades, para que todos os departamentos organicen o seu traballo na mesma liña, conseguindo maior eficacia na xestión.

“A nosa función non é só eliminar barreiras físicas nas rúas para promover a accesibilidade universal, senón tamén eliminar barreiras dentro do Concello para que os departamentos non diseminen esforzos e remen todos na mesma dirección”, dixo Fouces, que foi felicitada publicamente pola directora das cidades educadoras, Mariña Canals, pola súa “valentía para levar a cabo transformacións importantes”.

Espazo monográfico

Xusto antes do debate, a concelleira de Educación, Carme Fouces tivera unha primeira intervención -no espazo monográfico adicado a Pontevedra- que quentou motores. Nela expuxera algunhas características do modelo urbano que fan de Pontevedra unha cidade educadora que “educa en si mesma ao converter o seu espazo público en punto de encontro da cidadanía”, un dos conceptos claves do Congreso da Rede Estatal de Cidades Educadoras que se desenvolve co lema “Repensando a cidade”.

A intervención de Carme Fouces neste espazo monográfico dividiuse en tres momentos: a visión, adicado ás ideas básicas que promoveron a transformación da cidade; a mobilidade, como parte fundamental da transformación urbana e a obtención do espazo público a partir da retirada do exceso de automóbiles en rúas e prazas. Por último, referiuse aos resultados da transformación, tanto medio ambientais, como culturais ou de mobilidade.