Renóvase o peche perimetral do campo de herba sintética da Xunqueira

58
    • É unha obra incluída dentro da reforma da superficie de herba sintética do campo, que se realizou no pasado verán e permitiu abrir a instalación a primeiros de setembro.
    • Os investimentos nesta infraestrutura deportiva completaranse coa transformación da cafetería en novos espazos para o uso dos clubs que usan a diario no campo.

A Concellaría de Deportes comezou esta semana a substituír o peche perimetral dos campos de fútbol da Xunqueira (os máis próximos á Illa do Covo) incluído dentro do proxecto de renovación de toda a instalación. A última gran intervención foi a substitución de todo o céspede de herba sintética por outro de nova xeración, e está pendente de execución a remodelación da cafetería do campo para transformalo en espazos de uso para os clubs que adestran aquí a diario.

O paso do tempo e, especialmente, a forza do vento dos temporais fixo que o peche perimetral de malla do campo estivese en bastante mal estado. De feito, nalgúns puntos estaba roto e podíase acceder dende as sendas da Illa do Covo ao interior da instalación.

O departamento de Deportes acordou substituílo por un novo peche, que se verá mellorado ao ter talado, meses atrás, algúns dos sebes que pechan a instalación, que tamén exercían presión sobre o cerrado. Polo que, nalgún momento, tamén será necesario continuar coas talas destes sebes para garantir a duración da malla instalada.

O cerrado que se está a colocar vén a completar a obra de renovación do céspede de herba sintética por un de nova xeración, unha actuación que se fixo durante o verán e que permitiu abrir o campo a primeiros de setembro de 2017.

Naquela obra fíxose unha base de formigón polímero dotada con reixa superior e instalación de novas arquetas areeiros con reixa desmontable e cesto filtro co fin de mellorar a drenaxe do campo e os labores de mantemento; base elástica prefabricada de tres capas; instalación de céspede de última xeración testado en laboratorio con criterios de Fifa Quality; construción dunha vía perimetral no propio campo; e substitución de porterías de fútbol 11 e bandeirolas de córner.

A empresa que realizou os traballos foi Mecano Sport por valor de 272.243,14 euros.

Transformación da cafetería

Ademais, está pendente que se execute nos vindeiros meses a transformación da cafetería nunha sala de reunións para os clubs que empregan a diario o campo. É un espazo de 34 metros cadrados, que se completará cunha ampliación desta estrutura até os 182 metros cadrados onde se crearán seis despachos para uso dos equipos.

Esta nova estrutura estará unida á actual, baixo a cuberta cara a bancada do campo de fútbol, e estará en paralelo á rúa. Ademais, permitirá crear unha nova entrada ao campo, de tal xeito que os clubs poidan entrar a estas instalacións sen ter que abrir o terreo de xogo.