O Concello avanza na tramitación do polígono do Vao ao estudar o proxecto de parcelación

227

O polígono comercial de O Vao, na estrada de Vilagarcía, continúa a súa andaina administrativa. A Comisión de Urbanismo coñeceu onte os avances de tramitación na autorización comercial e tamén o proxecto de equidistribución da parcela.

Ao respecto da autorización comercial, o Concello xa remitiu á Xunta o expediente ambiental solicitado, no que se reitera nas consideracións que a este respecto figuran na modificación do Plan Xeral, polo que se desenvolve este polígono.

Ao tempo, o Concello acaba de recibir o proxecto de equidistribución por parte do propietario único do polígono. Este proxecto é o reparto que a propiedade fai da parcela sinalando aqueles terreos que serán de aproveitamento comercial, as vías, as zonas verdes, e as cesións municipais.

Sen entrar, aínda, na supervisión xeral do proxecto, o Concello solicitará ao propietario dúas cuestións formais: os estatutos da Xunta de compensación que promove o polígono e tamén a documentación visada e dilixenciada. A maiores, pedirá que escriture os lindes da finca xa que houbo que facer un deslinde con terreos de Fomento, e os terreos incorporados no novo deslinde non están escriturados no Rexistro da Propiedade.

A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, asegurou que “seguimos traballando para garantir que as industrias poidan asentarse na cidade, xerando dinamismo económico e comercial”.