Redeaxuda profundará na coordinación técnica para adiantarse ás emerxencias sociais

61
  • Constatan a “boa engrenaxe” á hora de dar resposta ás demandas das persoas en risco de exclusión pero tamén un cambio nos perfiles e necesidades
  • A concelleira de Benestar Social Municipal mantivo unha xuntanza de avaliación cos integrantes da rede solidaria

A concelleira de Benestar Social Municipal, Anxos Riveiro, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo con todas as entidades que integran Redeaxuda, agás a Fundación Meniños que escusou a súa ausencia. Ate o Concello achegáronse os representantes da Fundación Amigos de Galicia, Cáritas, Calor e Café, Comedor San Francisco, Rexurdir Provincial, Club de Leones, Fundación Secretariado Xitano e Proxecto Home.

Ao avaliar o traballo que como rede solidaria, están a desenvolver todos coincidiron en sinalar “a boa engrenaxe” que hai entre as entidades que son quen de cubrir de xeito coordinado as demandas socias existentes. Exemplos como o protocolo do frío ou o reparto de alimentos son a proba do bo funcionamento de Redeaxuda pero queren dar un paso adiante máis.

Segundo explicou a concelleira Anxos Riveiro “hai unha grandísima colaboración pero queremos afondar na coordinación, avaliar as novas situacións sociais e planificar o traballo para adiantarnos as necesidades e emerxencias que poidan xurdir”.

As entidades que integran a Redeaxuda constatan un cambio de perfil nos demandantes de axuda social, que ten moito que ver coa crise económica e a precariedade laboral,unha realidade que é común ao conxunto de Galiza e do Estado. Nos últimos tempos constátese unha diminución do número de persoas novas demandantes de axudas de emerxencia e un aumento de maiores de 50 anos, que remataron a prestación de desemprego e quedan fóra do mercado laboral e tamén de traballadores pobres aos que non lles chega o salario para atender as necesidades básicas. Cuestións como a pobreza enerxética están ao orde do día.

Quérese ir un paso por diante, afondar na planificación para dar unha resposta inmediata a futuras demandas. Neste senso promoveranse reunións técnicas, das traballadoras/es sociais das entidades que traballan coas persoas en risco de exclusión social, para estar atentos a calquera incidencia social e preparados para darlle resposta.

COMPARTIR