Todo San Brais súmase á compostaxe

52
  •  O barrio, no borde urbano, conta con 220 habitantes e 108 vivendas unifamiliares e xera 83,7 toneladas de lixo ao ano, 42 de biorresiduos (orgánicos domésticos e residuos vexetais)
  • Combinaranse composteiros individuais, comunitarios e situacións de reutilización de restos orgánicos para alimentación animal e fincas
  • Os despregue de composteiros comezará nas próximas semanas e tamén a instalación do centro de compostaxe comunitario

San Brais súmase á compostaxe de maneira integral. As características do barrio -unha zona de borde urbano, con poboación rural máis tradicional e urbanitas, e un espazo limitado- vai a permitir estudar o funcionamento do sistema de tratamento do lizo orgánico ao completo, subliñou o concelleiro de Participación, Demetrio Gómez.

Falamos dun barrio pequeno: 14,7 hectáreas de superficie, 220 habitantes e 108 vivendas unifamiliares. Prodúcese nel algo máis de 83 toneladas de lixo ao ano do que arredor de 42 son biorresiduos (sumando os orgánicos domésticos e os restos vexetais).

A petición da veciñanza -comprometida coa cidade, o medio ambiente e o futuro- instalaranse composteiros individuais e comunitarios, cuxo despregue farase nas próximas semanas.

Está feito xa un traballo previo, explicou o concelleiro Demetrio Gómez. Houbo unha primeira xuntanza coa asociación de veciños Salcedo Norte co fin de explorar as posibilidades da compostaxe na zona e unha segunda dun grupo de veciños/as amplo e representativo das distintas realidades de San Brais coas mestras composteiras e responsábeis municipais para por en marcha o proxecto.

Despois destas xuntanzas preparatorias, celebrouse unha asemblea aberta a todo o barrio na que os asistentes manifestaron o seu interese no proxecto o que derivou nunha recollida de firmas (avais de compromiso) para demandar os composteiros individuais e comunitarios.

As características do barrio máis as propias demandas veciñais fará que se conxuguen tres liñas de reciclaxe e reutilización dos residuos orgánicos:

  • Hai un sector da veciñanza, máis rural e tradicional, que mantén que non precisa composteiros xa que reutiliza todos os organánicos domésticos para alimentar aos animais ou nas fincas.
  • Composteiros individuais
  • Composteiros comunitarios. Neste caso hai un grupo de 20 familias que pide o centro de compostaxe, que xa ten localización: vaise instalar entre as rúas da Corva e Santa Lucía.

O concelleiro de Participación explica que a instalación do composteiro comunitario farase en breve e tamén o reparto de composteiros individuais, que se farán chegar tamén a aquelas familias que manteñen que non os precisan “porque entendemos que reutilizar o 100% dos restos e moi difícil”.

Avaliarase tamén a petición formulada por familias que piden o centro de compostaxe comunitario, de pequenos composteiros individuais para darlle saída a herba, ao céspede do xardín. Tamén está por ver a solución para os tres grandes produtores do barrio: Carrefour, Lidl e un restaurante.