Aprobado o proxecto para garantir a seguranza viaria no CEIP Vilaverde

40

    • A Xunta de Goberno tamén aprobou a mellora da vía ao Castelo, na parroquia de Lérez.
    • Ambas obras están incluídas dentro do convenio asinado entre Deputación e Concello a finais de ano.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá os proxectos de mellora da seguranza viaria nos accesos ao CEIP Vilaverde, en Mourente, e a canalización de pluviais na subida ao Castelo, na parroquia de Mourente. Son actuacións incluídas no último convenio asinado entre o Concello e a Deputación provincial (en decembro de 2017) cun investimento de 600.000 euros.

O proxecto do CEIP Vilaverde ten un orzamento de 158.679 euros. O prazo de execución da obra é de 4 meses. Trátase dun investimento moi agardado pola comunidade escolar para garantir a seguranza viaria para toda a comunidade escolar e tamén para os pais que visitan cada día o centro, un dos que teñen maior matrícula de toda Pontevedra.

O proxecto consistirá, basicamente, en plataforma única, colocación de sinalización horizontal e vertical, aproveitamento de sobreanchos da rúa que será asfaltada, e instalación de pasos sobreelevados. Tamén se creará un espazo específico destinado para o transporte escolar.

O segundo dos proxectos que a Xunta de Goberno aprobou esta mañá é a contratación da obra de mellora das augas pluviais no acceso ao Castelo, na parroquia de Lérez. Actuarase en toda a vía, dende a Porta do Sol á parte alta do Castelo, cun investimento de 226.409 euros e un prazo de execución de 3 meses.

Ambas obras están incluídas nun convenio coa Deputación provincial, asinado a final de ano, e que ten un investimento de 600.000 euros. Ademais destas dúas obras, o convenio complétao a mellora da subida ao Xistro, na parroquia de Salcedo que xa está executada nun 50%, e queda un último tramo por facer que suporá un investimento duns 200.000 euros.