“As mulleres que opinan son perigosas”, resposta ao machismo nos medios desde Pontevedra

138
  • Rosa Montero, Ana Pardo de Vera, Lucía Taboada, Diana López… e até 13 columnistas participarán no encontro
  • O Teatro Principal acolle o encontro os días 2 e 3 de marzo

O Teatro Principal acollerá, o venres 2 de marzo e sábado 3 de marzo, o foro “As mulleres que opinan son perigosas”, un encontro de trece xornalistas que amosan, no día a día, que si hai mulleres columnistas que teñen criterio, que opinan na prensa escrita e nos faladoiros dos medios audiovisuais, que abren blogs para opinar e que dirixen medios.

Falamos de xornalistas como, entre outras, Rosa Montero, Ana Pardo de Vera, Elisa Beni, Fernanda Tabarés ou Diana López. “Mulleres que dan unha resposta contundente ao machismo que hai nos medios”, en palabras do alcalde Miguel Fernández Lores.

Ao seu carón a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lembraba que o 64% dos xornalistas son mulleres pero o 89% dos postos de dirección están ocupados por homes.

O encontro “As mulleres que opinan son perigosas” naceu da man de dúas xornalistas pontevedresas, Susana Pedreira e Diana López Varela, para darlle contestación ao congreso estatal de columnistas de León ao que foran convidados 25 xornalistas, todos homes e que xerou unha vaga de indignación nas redes que foi viral co hashtag #haimullerescolumnistas. O Concello de Pontevdra e a Deputación Provincial apoiaron e deron soporte, desde o minuto un, a iniciativa

Se o xornalismo é un sector dirixido maioritariamente por homes, o da opinión é un xénero no que as mulleres levan anos loitando para atopar o seu espazo. Máis do 80% das sinaturas de opinión son masculinas e aínda así non son quen de agochar que hai mulleres que opinan e se posicionan sobre a actualidade e a realidade na que viven, que hai mulleres que dirixen medios e que hai mulleres que introducen na axenda mediática temas e voces durante anos silenciadas.

Pontevedra reunirá a profesionais de diferentes xeracións e perfiles, todas elas profesionais do xornalismo e da escrituras que, a través de relatorios individuais, entrevistas e debates, reflexionarán durante dous días sobre a realidade do xornalismo e da opinión en Pontevedra e no Estado.

As trece convidadas ao foro “As mulleres que opinan son perigosas” suman case medio millón de seguidores en twitter, unha audiencia que mirará cara a Pontevedra.

Programa. As Mulleres que opinan