Comeza a instalación do composteiro de San Brais

47
    • A base do centro compostaxe de Eduardo Pondal está rematada e está previsto que mañá mesmo comecen a traballar na instalación do de San Brais.

Remata a instalación da base do composteiro de Eduardo Pondal, o Concello inicia mañá mesmo os traballos para instalar o novo centro de compostaxe no barrio de San Brais entre as rúas da Corva e Santa Lucía. Tanto en Eduardo Pondal como en San Brais, o Concello actúa de acordo coas veciños que, a través dos seus representantes veciñais, achegaron sinaturas ao Concello para apoiar a compostaxe e solicitar a incorporación destas zonas ao proxecto.

No caso de San Brais, trátase dun barrio dunhas14,7 hectáreas de superficie, 220 habitantes e 108 vivendas unifamiliares. Prodúcese nel algo máis de 83 toneladas de lixo ao ano do que arredor de 42 son biorresiduos (sumando os orgánicos domésticos e os restos vexetais).

Xa se realizou unha xuntanza coa asociación de veciños Salcedo Norte co fin de explorar as posibilidades da compostaxe na zona e unha segunda dun grupo de veciños/as amplo e representativo das distintas realidades de San Brais coas mestras composteiras e responsábeis municipais para pór en marcha o proxecto. Finalmente celebrouse unha asemblea aberta na que os asistentes manifestaron o seu interese no proxecto o que derivou nunha recollida de firmas (avais de compromiso) para demandar os composteiros individuais e comunitarios.

O composteiro comunitario é a primeira das tres liñas de reciclaxe que está programada instalar na zona para a xestión dos residuos orgánicos:

    • Composteiro comunitario (avalado por un grupo dunhas 20 familias)
    • Composteiros individuais
    • Compostaxe tradicional particular que reutiliza todos os orgánicos domésticos na alimentación dos animais ou nas fincas.

Ao respecto do de Eduardo Pondal, nos vindeiros días poderanse instalar os habitáculos de compostaxe para poder iniciar o proceso de seguido.

COMPARTIR