Máis de 6.500 rapaces participarán neste curso nos obradoiros de Normalización Lingüística

23

    • A Concellaría ofertará a 24 centros de ensino 170 obradoiros de distintos tipos.
    • O concelleiro Alberto Oubiña destacou a elevada demanda dos colexios e institutos que chegaron a duplicar os finalmente concedidos.

A Concellaría de Normalización Lingüística realizará 170 obradoiros de febreiro a xuño en 24 centros de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional do concello. É una oferta educativa complementaria na que participarán máis de 6.500 estudantes, cifra nunca asumida até o de agora polo Servizo, que se achegou, o pasado curso, a uns 4.300 alumnos de distintas idades.

Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística, explicou esta mañá que o Servizo viuse desbordado pola petición que realizaron os centros. Foron 360 peticións, das que só se poderá atender 170 por cuestións orzamentarias. A concellaría destina para estes obradoiros 33.500 euros, e asumir a totalidade das peticións obrigaría a triplicar este orzamento, que xa se incrementou este ano para atender a demanda crecente. De feito, de cara ao 2019 a Concellaría xa estuda en poder aumentar a oferta de obradoiros e a dotación orzamentaria.

O obxectivo co que traballa a concellaría é que ningún escolar do concello quede sen obradoiro. Así se lles trasladou aos responsables educativos na xuntanza que mantiveron a primeiros de curso, no que se escoitou as propostas dos docentes. Como se puido comprobar, os obradoiros foron moi ben acollidos porque supuxeron unha gran renovación dos obradoiros ofertados e tamén pola alta implicación dos centros a prol da lingua.

O propósito destes obradoiros é traballar co profesorado para dinamizar o uso da lingua entre a xente nova, especialmente, os usos orais, dada a forte castelanización existente na actualidade.

Os obradoiros que tiveron maior acollida son:

    • Contos nas orellas, impartido por Migallas, que recibiu 97 solicitudes e só puideron ser concedidas 26. Trátase de difundir o uso da lingua a través dos contos, das historias e da música cunha participación activa dos alumnos.
    • Navegando entre papel e contos. Mar adiante. É unha actividade arredor de María Victoria Moreno impartido por Xandorela no que se solicitaron 66 obradoiros e só se poderán impartir 28.

A totalidade dos obradoiros ofertados son:

  • Verbateca: pensado para 4º,5º ,6º curso de educación infantil e os dous primeiros cursos de primaria, neste obradoiro haberá diferentes xogos nos que se traballarán aspectos como a memoria, a observación, a expresión oral e corporal,a coordinación, o achegamento ao vocabulario de diferentes temáticas, o traballo en equipo e a identidade cultural e lingüística.
  • Unha historia de amor: orientado aos máis pequenos; desde os 3 anos ata os dous primeiros cursos de primaria, esta actividade pretende dar a coñecer aos pequenos a figura de María  Victoria Moreno, escritora homenaxeada este ano o Día das Letras Galegas. Mentras os rapaces e rapazas escoitan unha historia contada de xeito oral sobre María Victoria Moreno, outro dos monitores realiza unha ilustración mural relacionada. A partir de aí farán unha pequena biografía, falarán das súas publicacións e relatarán anécdotas da súa vida. Para rematar, debuxarán cadanseu retrado da autora.
  • Mario pensaba que o galego non servía para nada. El sabía inglés, francés, chinés…: enfocado para os pequenos desde 3 anos ata 1º e 2º curso de educación primaria. Mentras os rapaces e rapazas escoitan a historia de Mario contada por un dos autores, o ilustrador realiza un mural vinculado ao conto. Comezará despois unha rolda de prensa guiada polos autores, na que os rapaces e rapazas interaccionan co conto e co debuxo de xeito que se traballa a comprensión e expresión oral das nenas e dos nenos.
  • Contos nas orellas: enfocado a todos os cursos de educación infantil e aos catro primeiros cursos de primaria, é un obradoiros concibido para impulsar o uso da lingua galega nas nenas e nos nenos a través dos contos, as historias e a música.
  • Navegando entre papel e contos mar adiante: pensado para 6º de educación infantil e 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria. Obradoiro pensado para coñecer a autora do Día das Letras Galegas 2018 a través dunha sesión de xogos e un obradoiro de confección de elemento mariños con papel, aderezada coas narracións e relatos que María Victoria Moreno nos deixou no libro Mar Adiante.
  • Xoguetoloxía co que che caia nas mans: pensado para 6º de educación infantil e 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria. Obradoiro de construción de xogos, xoguetes, enredos e instrumentos sonoros con materiais de refugallo e naturais: birlos, peóns, boliches, papaventos…
  • Díxome Díxome: pensada para os catro primeiros cursos de primaria, as probas desta xincana axudarán a descubrir o noso patrimonio oral: refráns, trabalinguas, romances e cantares de cego, cantigas, xogos lingüísticos…
  • Xoguetoloxía: obradoiro de xogos sen nada nas mans: esta actividade está pensado para rapaces e rapazas de 3º,4º,5º e 6º de educación primaria. Obradoiro de xogos que non precisan de material para gozar deles: xogos bailados, xogos lingüísticos, xogos musicais…Na sesión compartiranse unha serie de enredos e dinámicas que mostran unha parte do rico patrimonio lúdico galego.
  • Lingua Forza 3: esta actividade orientada a todos os cursos de primaria, é unha xincana con probas e xogos populares en versión lingüística, deseñados especialmente para esta actividade. Para superar as distintas probas os rapaces e rapazas terán que empregar as súas destrezas de traballo en equipo, resistencia, habilidade e velocidade física, lingüística e mental.
  • Un Universo de Lendas: orientado a rapaces dos últimos cursos de primaria e os cursos iniciais de secundaria, traballarán  diferentes lendas e temáticas a partir do fío condutor de Teucro, o mítico fundador da cidade.
  • O mundo de INHO: orientado a rapazas e rapaces de 5º e 6º de educación primaria, é un obradoiro que pretende achegar o portugués desde o galego, amosarlles as diferentes chaves culturais do mundo lusófono e axudarlles a descubrir a facilidade de ler textos en portugués.
  • Para vir a xunto a min: obradoiro orientado a 3º,4º,5º e 6º curso de educación primaria, 1º e 2º curso de educación secundaria. Catro probas grupais e retos lingüísticos cunha carga lúdica importante onde as rapazas e rapaces porán en xogo as súas destrezas e os seus coñecementos lingüísticos e culturais en tarefas do día a día.
  • OPS!: con esta proposta enfocada a educación secundaria, bacharelato e ciclos, o alumnado aprende que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que, polo tanto, falar en galego ofrece unha clara vantaxe competitiva.
  • Hip Hop: orientado a rapazas e rapaces de educación secundaria e bacharelato. A través da música  rap búscase potenciar o uso da lingua galega así como activar as e os participantes a través da arte da palabra

Participan na programación de obradoiros para normalización lingüística un total de seis mil cincocentas alumnas e alumnos de vinte e catro centros de ensino: EEI, CEIP, IES e CIFP: EEI Crespo Rivas; EEI Fina Casalderrey; CEIP A Carballeira de Lourizán; CEIP A Xunqueira I; CEIP A Xunqueira II; CEIP Álvarez Limeses; CEIP Barcelos; CEIP Cabanas- Salcedo; CEIP Campolongo; CEIP Froebel; CEIP Manuel Vidal Portela; CEIP de Marcón; CEIP Marcos da Portela; CEIP Parada- Campañó; CEIP de Ponte Sampaio; CEIP San Benito de Lérez; CEIP San Martiño-Salcedo; CEIP de Vilaverde- Mourente; CEIP de Xeve; IES A Xunqueira II; IES Valle Inclán; IES Torrente Ballester; CIFP Carlos Oroza e Colexio Sagrado Corazón de Xesús.