Rematada a reforma da praia fluvial que abrirá mañá

100

    • O alcalde visitou esta mañá a obra que só está pendente de remates e de que creza a herba na zona sementada.
    • Foi preciso retirar toda a area, colocar unha nova capa xeotéxtil para evitar a unión de area e lodos, e devolver o areeiro ao seu estado orixinario

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá o resultado do proxecto de reforma e acondicionamento da praia fluvial do Lérez que se realizou nestes dous últimos meses. Acompañado do concelleiro de parques, Alberto Oubiña, de técnicos municipais e e de responsables da empresa adxudicataria da obra, Covsa, comprobou o resultado da reforma integral e anunciou que podería abrirse ao público mañá mesmo.

O proxecto tiña un orzamento de licitación de 234.323,98 euros e foi adxudicada a Covsa por 229.684,38 euros.

O alcalde explicou que a praia fluvial xa ten 8 anos polo que foi necesario facer unha reforma en profundidade coa retirada da area, da capa xeotéxtil para evitar que se unan os lodos e a area, e posteriormente volver a estirar a area.

Os traballos fixéronse mantendo unha barreira de anticontaminación para evitar danar o leito do río, e creando unhas vías de acceso dentro da praia para os camións que traballaron no areeiro. Toda a superficie que empregaron os camións xa está restaurada.

A intervención completouse coa mellora das duchas, do acceso á praia, pintado da caseta dos socorristas, e renovación da tarima e da senda peonil lateral, ademais de facer un novo acceso de formigón pola parte de atrás da caseta dos socorristas.

Na actualidade a obra está practicamente rematada e estase á espera de que naza a herba na zona sementada, polo que o alcalde fixo un chamamento aos veciños que empreguen nestes días a praia fluvial que respecten a zona de terra vexetal até que creza a herba. Polo tanto, no prazo dun mes, toda a praia, zona verde incluída, poderá estar en condicións de empregarse con normalidade.

A praia fluvial construíuse nunha superficie de 29.400 metros cadrados e cunha zona de baño de 6.076 metros cadrados. Ten un uso intensivo con arredor de 800 persoas diarias nos meses de verán, especialmente en xullo e agosto.