Concello-Deputación, da man nos campos de fútbol de Campaño e Ponte Sampaio

35
  • O alcalde Miguel Fernández Lores e a presidenta Carmela Silva asinan un novo convenio e subliñan a lealdade, respecto e colaboración das institución que dirixen
  • O campo de Campañó, en contratación, terá un custe de case 1 millón de euros e o o proxecto de Ponte Sampaio, de 1,4 millóns
  • A actuación en Ponte Sampaio vai máis alá da novo equipamento deportivo xa que permitirá duplicar o espazo de lecer da praia fluvial

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores asinou hoxe coa presidenta provincial, Carmela Silva, un novo convenio de colaboración Concello-Deputación para, neste caso, a construción de dous novos campos de fútbol de herba sintética en Campañó e Ponte Sampaio, que formará parte da proxectada rede municipal de infraestruturas deportivas no rural.

Estes dous campos sumaranse aos tres proxectos en marcha, sinalou Fernández Lores quen lembrou que a construción do de Cerponzóns (en Chan do Monte)vai moi avanzada -“agardamos inauguralo arredor de abril ou maio”- ; o de Santa María de Xeve (en Gatomorto) que ten proxecto pero está pendente dun informe de Montes e o de Salcedo, no que se está traballando na redacción de proxecto.

A convenio asinado esta mañá no Pazo Provincial ten unha contía de 2.396.557,56 euros, dos que 999.437,36 euros irán destinados ao campo de Campañó e 1,397.120,20 euros ao de Ponte Sampaio.

CAMPAÑÓ. O proxecto está no proceso de contratación. A futura instalación terá un terreo de xogo de de fútbol 11 e dous campos de fútbol-7; catro vestiarios para deportistas e dous para árbitros. O campo de herba cumprirá os parámetros da Fifa Quality. Tamén disporá de bancada, aseos, cantina, almacén e zona de maquinaria.

PONTE SAMPAIO. Este proxecto esténdese máis alá dun campo de fútbol, pois a construción do equipamento – nunha parcela de 11.000 metros cadrados de nova adquisición- vai a permitir ampliar a zona de praia do río Verdugo, ampliar os espazos verdes e de xogos infantís e mesmo crear unha pérgola deportiva multiusos e ampliar o aparcamento.

Á hora de asinar este novo convenio, o alcalde de Pontevedra resaltou a colaboración e respecto institucional que manteñen o Concello e a Deputación “que están dando resultados moi positivos e que eu agardo teña continuidade no futuro”. Fernández Lores agradeceu publicamente a presidenta Carmela Silva “a dilixencia, a lealdade e a colaboración da Deputación, que con ela ao fronte, que nos permite aos pontevedreses avanzar”.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recolleu a luva e garantiu a continuidade da colaboración entre as dúas institucións, ao sinalar que hoxe mesmo no Pleno provincial aprobaríase unha modificación de crédito para posteriores convenios cos concellos de Pontevedra e Vigo. Lembrou que o convenio dos campos de fútbol de Campañó e Ponte Sampaio deriva do protocolo de colaboración Concello-Deputación comprometido ao inicio do mandato e que recolle actuacións en distintas áreas: deportes, saneamento, estradas, medio ambiente, igualdade.