Obxectivo, dar visibilidade a Escola Superior de Restauración

59
  • A Escola, única en Galiza e a segunda máis antiga do Estado
  • A nova directora, Carme Lorenzo foi recibida hoxe polo alcalde

O Concello e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra traballarán man a man co fin de visibilizar este centro de formación, único en Galiza e do que saen os profesionais que coidan do noso patrimonio.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, recibiu hoxe á directora da Escola de Restauración de Pontevedra, Carmen Lorenzo que chegou ao Concello acompañada pola vicedirectora Andrea Fernández. Foi un encontro protocolario de presentación no que as dúas partes concordaron na necesidade de dar a coñecer a Escola e o traballo que nela se fai. “Interésanos a súa proxección non só en Pontevedra e en toda a provincia se non tamén en todo o país e no conxunto do Estado” subliñou o alcalde.

A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais é a única de Galiza e o segundo centro máis antigo do Estado. Ë un centro “de gran prestixio, un referente no país”, sinalou a directora Carmen Lorenzo, que lembrou a loita que manteñen a prol do recoñecemento como grao universitario dos seus estudos.