Xornalistas estranxeiros falan con Lores do modelo Pontevedra

19
  • O alcalde defendeu o concepto de recuperación do espazo público fronte a simple peonalización

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores mantivo hoxe un encontro con corresponsais estranxeiros no Sexto Edificio do Museo para falar de “A cidade de Pontevedra: o desenvolvemento dun proxecto”. Un vídeo sobre a cidade abriu as portas a unha explicación e coloquio sobre a transformación urbana que fai de Pontevedra un referente no mundo. Os xornalistas que asistiron ao encontro son orixinarios de Portugal (Agencia lusa e Diario de Noticias), Dinamarca (Börsen) Alemaña (Süddeutsche Zeitung, Wirtschaftswoche), Brasil (Globo News), Arxentina (Agencia ANSA e Perfil) e Rusia (Sputnik Novosti).

O encontro, no que tamén estaban o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho e o deputado provincial de Cultura Xosé Leal, forma parte dunha viaxe de traballo que están a facer os corresponsais para coñecer institucións-modelos: a Universidade de Vigo, con tres campus universitarios; o Museo Provincial, exemplo de recuperación e conservación do patrimonio cultural e Pontevedra, un modelo urbano coñecido e recoñecido no mundo.

Fernández Lores confrontou o concepto de recuperación do espazo público para as persoas fronte ao máis simple e estendido de peonalización. “Cando chegamos ao Goberno no ano 1999 o debate que había era como mellorar o tráfico nas cidades pero nós apostamos por recuperar os espazos para as persoas” explicou o alcalde

“Pontevedra demostra que os coches necesarios para que unha cidade funcione son moi poucos e compatibles coa calidade urbana e de vida das persoas” subliñou.

Os xornalistas quixeron saber “canto custou e costa” unha transformación urbana como a de Pontevedra, na crenza de que existía un orzamento “ada hoc”. Explicoulles que non hai un orzamento tal, que é froito dun deseño pensado, dunha xestión integral dos recursos municipais.

Alcalde, xornalistas, vicerreitor e deputado de Cultura realizaron ao remate da presentación un percorrido polo Museo, guiado polo seu director Carlos Valle.