O Concello pecha o 2017 cun orzamento de máis de 90 millóns

40

    • Dispón de máis de 28 millóns de fondos líquidos, un superávit de 3,3 millóns e un remanente de Tesourería de 17 millóns.
    • A débeda municipal sitúase en 15,5 millóns de euros, a cifra máis baixa dende 2016.

O Concello de Pontevedra pechou o ano 2017 cun orzamento de 91.234.000 euros, incorporando case máis de 20 millóns de euros á cifra inicial de 72.900.000 euros. O concelleiro de Economía, Raimundo González destacou esta mañá a boa saúde financeira do Concello que dispón de 28 millóns de fondos líquidos, un superávit de 3,3 millóns, o remanente de Tesourería é de 17 millóns, e a débeda é a máis baixa dos últimos 20 anos.

    • Raimundo González resumiu esta mañá os principais datos da liquidación do orzamento de 2017, que son os seguintes:
    • Fondos líquidos de Tesourería son 28.578.000 euros, é dicir, 5 millóns de euros máis que na pasada anualidade.
    • Superávit é de 3.385.000 euros. Menos que en 2016 que foi de 5,6 millóns, pero o fronte a esta situación, o índice de execución en termos constantes foi moi elevado.
    • Diminución da débeda a 15,5 millóns de euros. É pouco máis do 20%, e está en mínimos históricos, sendo a cifra máis baixa dende 1996.
    • Teito de gasto. As obrigas de pago do Concello foron de 66.548.934,47 euros, e faltaron para esgotar o teito de gasto 800.000 euros. De ter superado o teito de gasto, o Concello debería ter realizado un plan económico financeiro que debera ser aprobado pola Xunta de Galicia.
    • Remanente de Tesourería foi de 17 millóns.

O concelleiro de Economía tamén destacou que o comportamento dos pontevedreses foi mellor que en anos anteriores. De feito, as obrigas fiscais incrementáronse dende o 84% ao 86,26%. “É dicir, houbo un bo comportamento dos ingresos”, concluíu Raimundo González.

Tamén destacou a intensa tramitación administrativa que foi para xestionar case 80 millóns de euros, e que se viu deslucida pola tardía incorporación do superávit cara mediados de ano, o que obrigou a que os proxectos financiados con aqueles 5,6 millóns non se puideran contratar até a actualidade (logo de resolver toda a tramitación administrativa previa).

O concelleiro de Economía lamentou que “o Goberno Central encadee aos concellos en colaboración coa FEMP porque lle pon nome e apelidos ao superávit e non se pode gastar noutras cousas que non sexan amortización de débeda e investimentos financeiramente sostibles. E fronte a isto, non se toque a regra de gasto, por exemplo”.