O miradoiro do paseo de Marín xa ten bancos

73

    • O Concello ten case ultimado o proxecto de reforma integral da rúa Lepanto que terá plataforma única e o tránsito de vehículos estará restrinxido a veciños e servizos da rúa

Os pontevedreses xa poden gozar das postas de sol dende o miradoiro do paseo de Marín. Esta mañá o Concello instalou tres bancos deseñados polo arquitecto autor do propio paseo, José Ramón Garitaonaindia de Vera, que supervisou a súa instalación.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez destacou que este novo mobiliario público é “unha peza especial, feita para un sitio único”, e vén a dar cumprimento a unha demanda veciñal de Pontevedra.

Tivo un custe de 11.625,62 euros e quedou totalmente instalado esta mañá.

Lepanto

O concelleiro de Obras tamén adiantou que o Concello xa ten moi avanzado o proxecto de reforma integral da rúa Lepanto. Pendente de presentalo aos veciños e comerciantes da rúa, que será cara finais da semana que vén, Demetrio Gómez adiantou que será de plataforma única e terá un acceso rodado para residentes e servizos, que aínda está por articular.

Na reunión que convocará a vindeira semana, solicitará as achegas dos residentes para incorporar ao proxecto. Quixo, tamén, agradecer o traballo dos Servizos técnicos municipais que cumpriron coa data que o concelleiro avanzou aos veciños de Lepanto, de ter feito o anteproxecto ao final do inverno.