Volven as grandes citas deportivas á cidade

66
    • Está prevista a presenza duns 1.300 deportistas para participar no Campionato de España escolar e cadete de Loita, a Copa de Europa de Waterpolo feminino e o Campionato de España infantil de natación.
    • As citas concéntranse entre o 17 e o 28 de marzo nas piscinas de Pontemuíños e no Pavillón Municipal.

Pontevedra retoma neste mes de marzo a programación dos grandes eventos deportivos, logo da parada dende primeiros de ano cando se celebraron o Torneo internacional “Memorial Domingo Bárcenas” e o Campionato de España de seleccións territoriais, ambos os dous de balonmán.

Neste mes de marzo están programados na axenda de grandes eventos deportivos do concello o Campionto de España escolar e cadete de Loita, a Copa de Europa de Waterpolo e o Campionato de España infantil de natación. Visitarán Pontevedra en todos estes eventos a arredor de 1.300 deportistas.

O Concello, co servizo de Deportes ao fronte, xa ten ultimados todos os preparativos necesarios para estas citas -que se concentrarán entre o 17 e o 28 de marzo-, tanto nas instalacións nas que se disputarán como na loxística de material e persoal necesario.

O calendario deste mes de marzo comezará co Campionato de España escolar e cadete de Loita que se celebrará o 17 de marzo no Pavillón Municipal e ao que asistirán arredor de 450 rapaces. Esta cita permitirá testar o Campionato europeo de Loita que acollerá a cidade entre o 4 e o 9 de xuño de 2019.

A continuación collerá o relevo a Copa de Europa de Waterpolo feminino que se celebrará nas piscinas de Pontemuíños do 22 ao 24 de marzo. É a primeira vez que este campionato sae da cidade de Barcelona, onde se ten celebrado até o de agora. Participarán neste campionato as seleccións de Grecia, Hungría, Italia, Holanda, Rusia e  España.

O mes de marzo pechará co Campionato de España infantil de natación que tamén se disputará nas piscinas de Ponte Muíños e no que está prevista a asistencia de arredor 800 deportistas.

COMPARTIR