Pontevedra regresa de Salzburgo cunha importante carteira de contactos internacionais

24

“Foi unha participación moi positiva, situada no entorno de expertos mundiais sobre liderado político en cuestións medioambientais en recuperación de espazos verdes para os nenos”. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías fixo esta valoración á súa chegada da viaxe que realizou co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á cidade de Salzburgo para participar no encontro do Salzburg Global Seminar no que Pontevedra era un dos conferenciantes principais.

“Cando anunciamos que era un foro moi importante pola súa estrutura, limitado a axentes de cambio e expertos mundiais en cuestións relativas ao medio ambiente, decatámonos a potencialidade que era para a cidade este tipo de foros nos que hai prescritores mundiais que ían coñecer o que sucedeu en Pontevedra. Serían uns altofalantes do que aquí sucede”, explicaba Anabel Gulías.

A delegación pontevedresa chegou á cidade “con contactos importantes como o presidente da Liga das Cidades, unha organización norteamericana que aglutina varias cidades e que foi quen introduciu a conferencia do alcalde”, explicou Anabel Gulías, quen destacou a importancia de ter contacto coas cidades estadounidenses pola relevancia internacional que dan ao proxecto.

Tamén destacou o contacto coa UICN, organización non gubernamental medioambiental das máis importantes do mundo, coa que se chegou a falar de futuras alianzas.

A vicepresidenta do Salzburg Global Seminar tamén abriu a posibilidade futuras colaboración co Seminario, así como coa Universidade de Salzburgo coa que se falou da posibilidade de participar na medición do impacto das políticas sostibles neste ámbito.

Anabel Gulías asegurou que a participación de Pontevedra en foros coma este “pódenos traer moitos réditos para seguir posicionando a Pontevedra no mundo”.