Premios Xoán Manuel Pintos, orgullo e amor pola lingua

37
  • O programa Apego, os docentes Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e a Galipedia foron os distinguidos este ano
  • O Pazo Mugartegui acolleu o acto público de entrega dos premios que recoñecen o impulso da  lingua galega ao tempo que lembran ao xurista e escritor, figura central do Rexurdimento 

O Pazo de Mugartegui acolleo o acto público de entrega dos  Premios Xoán Manuel Pintos, un acto cheo de orgullo e amor pola lingua e que estivo presidido polo alcalde Miguel Fernández Lores e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña. Nesta edición os galardóns recaeron no programa Apego, nos docentes Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e na Galipedia.

O xurado explicara, ao facer público o nome dos galardoados, a súa elección:

Premio ao labor desenvolto dese a última edición ao programa Apego, porque consegue sumar a miles de familias para que sexan activas na transmisión da lingua galega desde o berce, como lingua inicial das súas fillas e dos seus fillos. Foi recollido oor Rosa Moreiras e Roberto Rielo.

O premio ao traballo de xeito continuado ao longo de toda a traxectoria vital e profesional, para Vitoria Ogando e Anxo González Guerra. Ambos os dous son profesores de lingua e literatura galega que desenvolveron os seus anos de docencia en Pontevedra, transmitindo a ducias de xeracións de estudantes o seu amor pola lingua e o orgullo de termos lingua, historia e cultura propias. Xuntos crearon materiais para a aprendizaxe da lingua, primeiro en papel e despois desde a Rede como a páxina web www.ogalego.gal

O premio elixido entre as propostas presentadas pola cidadanía foi para Galipedia, a enciclopedia libre en galego pola súa promoción e normalización da lingua galega. Foi recollido por Adrián Estévez Iglesias.

O Concello de Pontevedra convoca o premio Xoán Manuel Pintos co fin de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e, ao mesmo tempo, manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento e un dos pioneiros no compromiso coa defensa da lingua galega.