Suecia aplaude o modelo Pontevedra baseado en priorizar ás persoas fronte aos coches

54
  • O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, e representantes da oficina de planeamento urbanístico de Estocolmo e do concello de Eskilstuna intercambiaron experiencias na recuperación do espazo público

Pontevedra, da man do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, deixou pegada en Suecia co seu modelo de mobilidade. O concelleiro e vicepresidente da Deputación, visitou na súa primeira xornada de viaxe oficial ao país nórdico a oficina de planeamento urbanístico de Estocolmo e de Eskilstuna (unha cidade de preto de 100.000 habitantes), onde representantes municipais de ambas cidades aplaudiron o traballo feito en Pontevedra para recuperar o espazo público e plantexaron cuestións prácticas sobre como aplicar o modelo en terreo sueco.

Mosquera explicou a importancia de ter claros os obxectivos  e de deseñar a cidade cunha prioridade clara, as persoas, en lugar de centrarse en buscar solucións a problemas como a mobilidade dos coches ou doutros sectores concretos. O vicepresidente provincial explicou que o espazo público é un dereito de toda a cidadanía e debe ser deseñado como tal, facilitando e promovendo a socialización.  “É moi importante ter unha visión global do que se quere facer na cidade, posto que se se atenden necesidades de sectores concretas a solución non será boa”, dixo.

A xornada comezou de mañá cunha visita á oficina de planeamento urbanístico de Estocolmo, onde César Mosquera coñeceu os principais proxectos que se están a desenvolver na cidade centrados nas persoas: a peonalización da principal estrada de Klarabergsgatan e o redeseño da esclusa de Slussen, onde a maior parte do espazo destinarase ás persoas e ás bicicletas, dous traballos que superan os 100 millóns de euros cada un. Xa pola tarde foi recibido, xunto co enxeñeiro xefe do Concello de  Pontevedra, no concello de Eskilstuna, onde  houbo unha interesante conversa sobre como aplicar o modelo de priorizar ás persoas e moitas preguntas sobre a aplicación práctica do modelo e as solucións técnicas adoptadas tanto para calmar o tráfico e potenciar a convivencia de peóns e coches (a utilización de ‘lombos’ e o ‘Plan Móvese’), como para  deseñar globalmente as cidades (a través dos Plans de Mobilidade Sustentable cofinanciados pola Deputación na provincia), en concreto en relación ao aparcamento e ao tráfico de necesidade.

Hoxe o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera impartirá unha conferencia dentro do encontro organizado pola asociación Gröna Bilister, que reunirá a un centro de políticos, técnicos e persoas relacionadas co campo da mobilidade. O traballo feito en Pontevedra e como se está a aplicar na provincia será o principal punto da xornada. Os asistentes poderán coñecer un vídeo e diverso material impreso. O venres será a quenda da entrevista co vice-mayor de Estocolmo.