O Concello “moi satisfeito” coas ofertas económicas do contrato da auga

71

    • Sete empresas superan os 54 millóns de euros de investimento. O máximo fixado por contrato eran 58,1 millóns.
    • Tres empresas sitúan o prezo/metro cúbico de auga por debaixo dos 1,3 euros.
    • Hai disparidade no pago do canon que oscila entre 10 millóns que ofertan dúas empresas, aos 2 millóns.

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra abriu esta mañá o sobre C, da oferta económica, das empresas que se presentaron á licitación do contrato de abastecemento e saneamento municipal. Con carácter xeral, as empresas presentaron unha “moi boa oferta” xa que en sete dos dez proxectos, os investimentos superan os 54 millóns de euros en cada caso.

Raimundo González asegurou que o Concello está contento polas ofertas presentadas. A grosso modo “sete de 10 empresas ofrecen grandes investimentos”. As melloras máximas que se propoñían nos pregos eran de 58.231.000 euros, e hai sete empresas que superan os 54 millóns de euros de melloras.

Con estas ofertas, o Concello poderá completar todo o saneamento do rural; dar un importante pulo á dotación de auga a máis da metade das parroquias do rural; acometer os servizos do novo Montecelo; os servizos da rúa Echegaray; mellorar a estación de bombeo e a estación de tratamento de auga potábel.

Ademais das melloras da oferta, Raimundo González explicou que hai baixas substanciais no prezo máximo da auga, que no prego estaba fixado en 1,38 céntimos/metro cúbico. Hai tres empresas que baixan dese prezo.

O canon é o suposto no que hai máis diversidade. O canon pagarase ao Concello nunha soa contía nos primeiros anos do contrato polo uso da rede. O prezo mínimo fixado no contrato era de 1,5 millóns de euros. Hai dúas empresas que ofertan 10 millóns de euros, unha que oferta 7,8 millóns. O resto ofertan entre 5,6 millóns e 2 millóns de euros.

“En xeral, son moi boas ofertas. Sobre todo, o que máis interesa, que son os investimentos”, explicou Raimundo González que asegurou que o obxectivo é que se preste un bo servizo.

Dende este momento, o proceso de adxudicación do contrato da auga segue nas mans dos técnicos que teñen que comprobar a coherencia entre a oferta económica aberta hoxe e o estudo económico presentado polas empresas, que realmente ten que reflectir que todos os custes e investimentos prometidos son viables.