Discurso da XV Semana Galega de Filosofía

7

Queridas amigas, queridos amigos,

Benchegados un ano máis a esta cita primaveral na que se dan a man o coñecemento, a intelixencia, o debate e a opinión crítica.

Como vos digo cada vez que nos vemos, estamos encantados de que Pontevedra sexa a sede desta auténtica universidade efémera na que as nosas veciñas e veciños coinciden con tantos especialistas e participantes que nos axudan a ampliar horizontes e a contrastar opinións críticas co poder.

Un evento que trae á nosa cidade a moitas persoas que se achegan para participar en directo nas tres sesións diarias que durante toda a semana se programan, e que nos convirte tamén no centro das redes do pensamento e as visións máis lúcidas do mundo.

Nesta ocasión, enchedes o voso programa dunha temática sempre apaixoante, que sobrevoa boa parte dos debates políticos e das diferentes visións do mundo: a parte pública da sociedade, esa parte da realidade que nos pertence por igual a todas e todos.

Defender o público é defender a sociedade, e protexela dos excesos da avaricia, da explotación e das inercias que os poderes económicos poñen nas nosas vidas, empuxados polas ansias capitalistas de acumular capital e aumentar as desigualdades.

Como quizáves moitos de vós saibades, últimamente percorremos o mundo satisfacendo a curiosidade de moitas persoas sobre un modelo de cidade que fomos construíndo a contracorrente das tendencias urbanas máis habituais.Onde outras cidades puxeron máis carrís para vehículos, nós mitigamos a súa presenza abusiva. 

Onde fixeron obras faraónicas nós mimamos o patrimonio e confiamos na potencia propia. 

Onde construiron enormes centros comerciais nas periferias, nós convertimos as nosas rúas e prazas no espazo ideal para a vida colectiva, os eventos, as compras e o ocio. 

Onde moitos optaron polo derroche enerxético e a indiferencia ante a deriva do planeta, nós aforramos enerxía e contribuimos á loita contra o cambio climático.

Onde tantos falan de ecoloxía referíndose aos espazos naturais, nós falamos sobre todo de medio ambiente urbano, que é o que máis nos debera preocupar á maioría de nós, que vivimos en cidades.

Pois cando en México, en Salzburgo, en Seul, en Valencia, en Pekín, en Ourense ou en Nova York, por citar só algúns lugares, falamos dos logros ambientais desta pequena cidade europea chamada Pontevedra, estamos falando precisamente do que ides tratar durante estas 15 sesións da Semana de Filosofía.

Falamos da recuperación do público en relación ao privativo. Falamos de ofrecer ás persoas os espazos que viñan de privatizarse durante as décadas anteriores, para poñelas a disposición de todas e todos.

Falamos de convertir a cidade tamén nun espazo igualitario, amable, tranquilo e seguro para todas as persoas, especialmente para as mulleres, eliminando todo tipo de violencias e feminizando a nosa convivencia.

Falamos do público en relación ao privado cando encabezamos as nosas ponencias e charlas ao longo de todo o mundo cunha frase moi significativa e que define coma poucas a transformación da nosa cidade dun entorno pechado, gris e privatizado, nun espazo aberto, vivo e igualitario.

Esa frase é “Cantos menos coches, máis cidade”. Porque á hora de facer o diagnóstico dos nosos problemas, hai xa case 20 anos, vimos que era precisamente ese exceso de automóbiles o que privatizaba a cidade e a convertía en inhóspita e agresiva.

Desautoxicar a cidade, saneala, domesticar os automóbiles e permitir que circulen só os necesarios, é sobre todo unha aposta polo público, polo espazo público, que consideramos un dereito básico das persoas, como pode ser a educación ou a sanidade.

Un dereito que equilibra e cohesiona a sociedade, que convirte ás cidades no que sempre deberon ser: espazos de civilización, de convivencia, foros de intercambio de vida, de ideas e de mensaxes.

Cando comezamos a transformación da cidade, case tres cuartas partes do espazo urbano estaban ocupadas polo coche. Hoxe é absolutamente ao revés: destinamos aos coches un cuarto do espazo público e ás persoas tres cuartos.

Os coches son case sempre recintos privados, e o lugar que ocupan nas rúas e prazas son espazos que se privatizaron. Nós, veciñas e veciños de Pontevedra, quixemos darlle a volta a esta situación e convertilos en espazo público sano e igualitario para que todos o gocemos en liberdade.

E de paso, enseñamos ao mundo que é posible construir cidades públicas, harmónicas e en irmandade co Planeta.

Amigas, amigos, grazas de novo por estáredes aquí. Coma sempre vos digo, sentídevos coma na vosa propia casa.

Estudiade moito, debatide, contrastade opinións, observade este mundo convulso e tan tan mellorable.

E tamén disfrutade dos praceres máis mundanos que tamén vos ofrece Pontevedra, como comer, pasear, compartir un café ou incluso botar unha ollada ao Salón do Libro que comeza este venres cunha espectacular programación de actividades que encherán abril de literatura, deseño, arte, actualidade editorial e centos de actividades que de seguro poderedes disfrutar.

Boa Semana de Filosofía e aínda mellor estadía na vosa cidade de Pontevedra.