Os Campos acollerá o centro de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo

77

    • A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de acondicionamento do terceiro edificio municipal nos Campos, que terá un custe de máis de 450.000 euros.
    • Está previsto acondicionar os dous andares: no baixo crearase unha sala de usos múltiples, almacéns, aseos… e na parte alta estarán as oficinas do GDR con despachos e unha sala de reunións.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto de rehabilitación dun dos locais municipais do barrio dos Campos para acoller o centro de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-Morrazo. Neste momento, as oficinas provisionais do GDR atópanse no edificio municipal de Santa Clara.

O edificio está situado no lugar dos Campos, parroquia de Mourente, nunha parcela con outros dous edificios municipais. Na actualidade, un acolle un campo de petanca pechado, e no outro estremo sitúase o que será o futuro local social dos Campos. O edificio que acollerá as dependencias do GDR está no medio da parcela, e anteriormente era un colexio de educación primaria, que se trasladou ao barrio de Monte Porreiro.

O proxecto consiste na rehabilitación integral de todo o inmoble, que ten dúas plantas. Na parte baixa, cunha superficie de 233,45 metros cadrados, está previsto a creación dun vestíbulo e sala de usos múltiples, aseos, cuartos de limpeza, almacéns… Na segunda planta, cunha superficie de 239,65 metros cadrados, instalaranse despachos, unha sala de reunións, almacén e outras dependencias para acoller estas oficinas.

O orzamento da obra é de 452.497,21 euros.

Segundo explicou esta mañá o portavoz do Goberno, Raimundo González, unha vez que o proxecto está aprobado pola Xunta de Goberno Local, remitirase ao GDR para que o aprobe, e para que o remita á axencia autonómica que xestiona os fondos Leader 2014-2020, para que concedan unha subvención para a facer a reforma. A contía máxima de subvención será o 30% ou 40% do custe total do proxecto.

O resto do custe do proxecto asumirao o Concello de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra forma parte do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo xunto aos concellos de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior e Vilaboa. Pontevedra é a sede operativa do GDR coa xerencia instalada, provisionalmente, no edificio municipal de Santa Clara.