Un millón de euros para pagar a Acuaes e o noiro da avenida de Bos Aires

46

    • O vindeiro Pleno municipal debaterá unha modificación de crédito na que tamén se inclúen partidas para o Mercado de Abastos e para asinar un convenio co IET que permitirá completar a cartografía municipal.

O Concello de Pontevedra abordará no vindeiro pleno unha modificación de crédito por valor de 956.970,30 euros. A principal contía desta modificación é abonar parte das cotas de Acuaes, que o Concello ten que abonar polo proxecto ampliación da rede de abastecemento da ría de Pontevedra. A partida para Acuaes é de 550.971,84 euros.

Tamén se inclúen nesta modificación outros conceptos:

    • Sinatura dun convenio co Instituto de Estudos do Territorio  da Xunta de Galicia para completar a cartografía municipal con imaxes de alta resolución xeorreferenciadas. Por valor de 36.135 euros.
    • Dotación de crédito para a obra de emerxencia xa en execución do noiro da avenida de Bos Aires por valor de 317.326,60 euros.
    • Diversas partidas destinadas ao mercado municipal para a adquisición de mobiliario, así como diversa maquinaria e instalacións por valor de 52.536,86 euros.

Estas contías serán financiadas nun 50% por remanente de tesourería e o resto por baixas das partidas.

Financiación de Acuaes

Ao respecto de Acuaes, Raimundo González, portavoz do Goberno e responsable de Economía, explicou que o convenio para ampliar a rede de abastecemento da ría de Pontevedra tiña un custe de 33 millóns de euros, dos cales serían financiados por fondos europeos (FEDER) o 70%, é dicir, 23 millóns de euros. O resto tiña que ser abonado polos concellos.

Pasados os meses e realizadas as obras, a Unión Europea comunica a Acuaes, encargada da xestión e realización de todo o proxecto, que na súa subvención non se poden incluír as baixas das adxudicacións de obras así como outros conceptos como as asistencias técnicas que se realizaron ao amparo do proxecto.

En definitiva, os fondos europeos só admitían un proxecto cun custe de 27 millóns de euros, dos cales a Unión Europea só financia 19 millóns. Acuaes informou a os concellos que terán que facerse cargo de abonar os 4 millóns de euros a maiores do custe da obra que xa tiñan que abonar dende o principio do proxecto.

Neste incremento Pontevedra terá que pagar, finalmente, 5,8 millóns de euros, dado que a súa achega inicial era de 3,8 millóns aos que se lle suman case dous millóns.

O Concello e Acuaes acordaron achegar 767.000 euros en efectivo, e o montante restante farase a cargo dun crédito a 50 anos nos que Pontevedra fará unha chega duns 100.000 euros anuais.

A modificación de crédito que se debaterá no vindeiro pleno prevé unha partida de 551.000 euros para este pago efectivo, que se completará cunha partida de máis de 200.000 euros que xa figura no orzamento de 2018.