Concello e INVIED retoman a tramitación dos pavillón militares de Campolongo e Mollavo

50

    • O borrador do convenio prevé a apertura de novas zonas verdes na cidade, completar a rúa Tablada, ceder dous locais para o concello e unha praza en Rosalía de Castro.
    • Defensa recibirá autorización para parcelar os edificios que lle permitirán vender as vivendas aos seus inquilinos, crear un estacionamento soterrado para dar servizos aos pisos ou construír un novo edicio en Rosalía de Castro.

O Concello de Pontevedra e o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) retoman o borrador de convenio das parcelas militares entre as rúas Xeneral Rubín e María Victoria Moreno, e Rosalía de Castro, que se iniciara no ano 2008, e que quedou parado logo dos sucesivos cambio estruturais e de denominación do INVIED, así como dos sucesivos cambios técnicos e de responsables deste Instituto. Técnicos municipais e do INVIED xa mantiveron reunións para retomar os acordos previos de aquel convenio e adaptar os documentos técnicos aos sucesivos cambios lexislativos, que no ano 2010 xa tiña os informes favorables da Xunta de Galicia.

Os acordos do convenio mantéñense, substancialmente, nos mesmos termos que os negociados hai dez anos.

Na parcela de Campolongo (entre Fernández Ladreda e Xeneral Rubín) serían os seguintes:

    • A modificación do uso residencial da parcela de tal xeito que o INVIED poida vender aos inquilinos as súas vivendas, así como construír dous novos edificios previstos dentro da parcela, que lle permitirá crear estacionamento soterrado de uso privado dos residentes, xa que os edificios carecen del.
    • Completar a rúa Tablada dándolle as aliñeacións fixadas no Plan e dándolle saída cara Fernández Ladreda.
    • A cesión de dúas vivendas e un local ao Concello e a súa conexión para convertilo nun local municipal.
    • A apertura a uso público o viario, as zonas verdes e os espazos libres existentes neste complexo residencial.

No ámbito de Mollavao (Manuel del Palacio con Rosalía de Castro) está previsto:

    • A creación dunha praza pública aberta cara Rosalía de Castro, coa posibilidade de conectala cara Manuel del Palacio.
    • Permitir o aproveitamento de parte da parcela para a edificación dun edificio que permitirá rematar o rueiro tapando unha medianeira que xera a última edificación de Rosalía de Castro.
    • Recoñecer o uso educativo dunha porción de terreo, de aproximadamente, 116,37 metros cadrados, ocupado dende fai moito tempo polo centro de ensino lindante.

O acordo co Concello foi pór en marcha, outra vez, todo o proceso polo que nos vindeiros días o INVIED presentará oficialmente o borrador de convenio e un anteproxecto de reforma do Plan Xeral pactados, que terá que ter, outra vez, o visto bo da Xunta de Galicia.

Ademais dos acordos propiamente urbanísticos, prevese no convenio un investimento de arredor 750.000 euros por parte de Defensa a executar con anterioridade a que o Concello reciba e aperture ao público os novos viais, prazas e zonas verdes, para que estes cumpran os estándares de calidade urbana municipais.