O Mercado afrontará a súa reforma na segunda parte do ano

16
  • Este sábado será a última Sétima Feira até que se reforme totalmente o primeiro andar
  • 14 empresas presentaron ofertas para acondicionar o novo espazo gourmet e ecolóxico.
  • Entre abril e maio baixarán os postos de verduras, conxelado e ultramarinos que están na planta superior.

O Mercado Municipal afronta as últimas semanas antes da súa transformación. Para iso, está previsto que o vindeiro 14 de abril sexa a última edición de Sétima Feira, aínda que dende a Concellaría de Promoción da Cidade xa estudan como renovala de cara ao vindeiro ano. Xa está practicamente rematado o proceso administrativo para baixar os postos do primeiro andar, e o Concello xa recibiu 14 ofertas para reformar a planta de arriba e transformala nun espazo gourmet e de produtos locais e ecolóxicos.

Sétima Feira foi “un escaparate, un experimento para ver como respiraría a praza máis aló dos usos tradicionais”, explicou a concelleira Anabel Gulías, que fixo balance da feira. Van aló 22 edicións, 120 propostas creativas das cales o 75% foron pontevedresas e a media de ventas por posto foron duns 100 euros. Hai que ter en conta que Sétima celébrase só o segundo sábado de mes durante 3 horas.

Sétima permitiu visibilizar a potenciación da praza de Abastos. De feito, nesta última edición está previsto un xantar no que se habilitarán 40 prazas de comensais. As persoas que desexen participarán deberán mercar os produtos que consumirán na planta de abaixo e despois serán cociñados nos restaurantes do Mercado.

A transformación da praza comezou co regulamento do Mercado aprobado, que permitirá a baixada dos postos da primeira planta (agás os restaurantes e o posto de produtos ecolóxicos), logo dunha negociación con cada un dos afectados e de ter chegado a un acordo. A Concellaría está en disposición de asinar as resolucións de baixada nesta semana e realizar a obra civil necesaria para transformar a primeira planta.

As obras necesarias estarán sufragadas cunha modificación de crédito de 52.536 euros que se distribuirán de seguinte maneira:

  • 10.303 euros para crear as cámaras frigoríficas que hai que baixar.
  • 14.300 euros para construír unha nova caseta e así compensar a un dos negocios
    que baixan.
  • 3.400 euros para o acondicionamento dun local multiusos.
  • 2.100 euros para a instalación de taquillas.
  • 21.000 euros para a contratación dunha asistencia técnica que se encargue da tramitación dos novos usos da planta superior.

Para facer a instalación dos novos postos, a Concellaría ten claras as súas prioridades: o peixe hai de ser o punto forte, a orixinalidade, primarase os produtos artesanais, gourmet, a granel, ecolóxico, a presenza de público infantil… Tamén hai a posibilidade de ofertar postos efémeros vinculados á cociña internacional.

A gran reforma farase a cargo dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha contía de 279.292,78 euros. O prazo para a presentación de ofertas a este concurso rematou o pasado 26 de marzo e se tiñan interesado 14 empresas.

As previsións da Concellaría é que se poidan iniciar as obras ao longo do mes de maio, pero antes manterase unha reunión coas praceiras para tratar de acordar o inicio das obras, dado que manifestaron que hai algúns momentos do ano.