Trampeo masivo para capturar e eliminar raíñas de vespa velutina

122
  • Estenderase até finais de xuño ou a primeira metade de xullo e dará paso a unha segunda campaña de retirada de niños
  • O pasado ano o Grupo de resistencia anti velutina retirou máis de 500 niños desta especie invasora no municipio
  • Os interesados/as en sumarse a este voluntariado teñen que chamar ao telf da Concellería de Medio Natural

A praga de vespa velutina non da tregua. Imposíbel de eliminar, a loita céntrase en minorar a súa expansión e nelo traballa arreo o Grupo de resistencia anti velutina, integrado por voluntarios -todos apicultores- e técnicos do departamento municipal de Medio Ambiente Natural. Hoxe o concelleiro Alberto Oubiña, mantivo unha xuntanza con eles co fin de avaliar a situación na que estamos e definir os seguintes pasos a dar.

Estamos nunha época na que “o trampeo é prioritario” subliñou o concelleiro de Medio Natural, quen deu conta da reunión xunto co coordinador do grupo de voluntarios, José María Domínguez. A chegada da primavera é o momento no que as raíñas comezan a saír dos niños primarios para libar e de seguido construír novos niños, aínda que este ano polo mal tempo constátase un atraso desta acción o que é posíbel que “beneficie un chisco” o combate.

As trampas xa comezaron a ser despregadas, seguindo un “mapa” elaborado a partir dos lugares máis sinalados polos avisos recibidos na campaña do pasado ano e en zonas de alto risco (como as concas do río, proximidades de colmeas ou de árbores como rododendros, camelias, etc.). O trampeo estenderase até finais do mes de xuño ou primeira metade de xullo.

Neste tempo tamén farase unha rolda de contactos cos centros públicos e asociacións veciñais e sociais para organizar un novo calendario de charlas informativas sobre que é a vespa velutina e como se combate e nas que se amosa como construír trampas caseiras.

O fin da campaña de trampeo dará paso á de eliminación de niños. O pasado ano retiráronse máis de 500.

Alberto Oubiña agradeceu publicamente ao Grupo de resistencia o traballo feito e que está a facer: É unha tarefa voluntaria, non cobran nada por ela e poñen a disposición desta loita o seu traballo, tempo e ganas”. O Concello dótalles de seguro, formación e o material ada hoc (traxes especiais, pértegas, gorros, insecticidas…)

O concelleiro de Medio Natural fixo un chamamento aos veciños e veciñas de Pontevedra para que se sumen ao Grupo de resistencia. Poden facelo chamando ao teléfono do Concello 986-804300, ext. 7583 e 7584 (departamento de Medio Natural)

A praga de vespa velutina ou vespa asiática é moi perigosa tanto para as persoas, como para as hortas, e tamén para as propias vespas doutras especies, xa que acaban converténdose en alimento das asiáticas, exterminando as poboacións de vespas.

O alcance desta praga queda a vista cos datos aportados por José María Domínguez, cada niño conta con 3.000-3.500 vespas veutinas e ao longo da súa vida pode acubillar entre 15.000 e 18.000 animais. Se temos en conta que a praga ten un crecemento exponencial e que avanza a unha media de 50 quilómetros ao ano, podemos facernos unha idea do que estamos a falar.