Adxudicado o convenio para executar novas bases de compostaxe en distintos puntos do Concello

43
  • Foi á empresa Naturgalia por máis de 178.000 euros
  • Estas bases instalaranse a demanda tanto no ámbito urbano como no rural

A Xunta de Goberno Local aprobou, na súa última reunión, a adxudicación á empresa Naturgalia do acordo marco para a execución das bases de novos centros de compostaxe comunitaria no ámbito urbano e no rural.

Presentou a oferta máis ventaxosa cun 4,35% menos e o compromiso de reducir o tempo de instalación das bases de 15 días a 8. O prezo foi de 178.137,24 euros.

Estas son instalacións que se colocarán a demanda en distintos puntos do Concello aínda por decidir. En principio este acordo marco está pensado para instalar arredor de 18 centros de compostaxe.

Prórroga de Costas

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o expediente para solicitar á Dirección Xeral de Costas a prórroga da concesión dos terreos que agora ocupan os campos da Xunqueira, na Illa do Covo. É unha prórroga dunha concesión outorgada en novembro de 1966 por 50 anos.

Ademais, a Xunta de Goberno tamén aprobou as liñas de subvención para as Anpas de Pontevedra para a realización de actividades e o mantemento dos comedores escolares de infantil e primaria no ano 2018. A sinatura do convenio coa Fanpa é de 210.000 euros.

Por outra banda aprobouse a liña de subvención para as entidades sen ánimo de lucro que realizan labores no eido cultura durante o ano 2018. A contía global da subvención é de 30.000 euros.