Discurso da recollida da Insignia de Ouro da Asociación Amigos/as do Camiño Portugués ao Concello de Pontevedra

6

Estimadas autoridades,
Amigas e amigos,
Primeiro de nada, moi agradecidos pola vosa asistencia a este acto entrañable e garimoso, e por permitirme ser receptor desta para nós altísima consideración que outorgades ás veciñas e veciños de Pontevedra representados polo seu Concello.

É moi agradable recibir un recoñecemento coma este, e en especial compartilo con quen durante estes 25 anos fomos alcaldes (e tenente de alcalde). Agradézovos moi especialmente que esteades aquí, porque esta medalla é tan vosa, coma miña, coma de cada un dos veciños e veciñas de Pontevedra a quen nos honra representar.

A verdade é que, como todos coñecedes, temos un pequeno historial de premios que nos teñen concedido ao longo do mundo. Considérannos exemplo de como deben ser as cidades do futuro, respectuosas co planeta e escenarios de calidade para unha vida digna.

Pero por moita emoción que nos produza recoller un galardón en Central Park ou entre os rañaceus de Dubai, nada é comparable ao orgullo que se sinte cando cho entregan na propia casa, os teus propios veciños.

Porque o da casa é sempre o que máis presta, porque cho conceden os teus, a túa tribo, a xente que se esforza contigo cada día por sermos mellores, por conseguir que o nome de Pontevedra figure sempre no máis alto das nosas aspiracións.

Eu, como moitos de vostedes saben, son nacionalista. E tamén internacionalista, pois ninguén é menos que un galego, pero tampouco é máis. Por iso valoro tanto a nosa máxima urbana de dar de beber a quen pasa, sen preguntar quen é nen de onde ven.

Unha máxima que fomos labrando ao longo do tempo, que nos conecta co que fomos e o que seremos. Unha máxima que sen o Camiño Portugués non seríamos quen de defender e honrar, simplementes porque non resistiría.

Ese noso primeiro gran eslógan turístico válenos hoxe para reafirmar a nosa nobre misión
de acollida, de respecto e admiración polas diferenzas, de vencello internacional, de identificación con calquera camiñante, veña desde Barcelos, Coímbra, Porto ou Ponte da Lima.

Tamén, por exemplo, dos que cruzan o Sahara para saltar desa parte escura do mundo proscrita e empobrecida polo colonialismo, polo imperialismo, e pola globalización, a esta fachendosa meta da avaricia, a competencia e falsa abundancia.

Porque todos somos camiñantes, os espirituais, os emigrantes, os aventureiros, os turistas. Todos somos quen de levar a nosa mellor vontade por enriba das desigualdades para reencontrarnos na humildade, no amor e na irmandade.

Para moitos de nós, Pontevedra é o centro do mundo, porque é onde vivimos e queremos seguir vivindo e compartindo o mellor que temos.

Tamén é o centro do Camiño Portugués. Ese itinerario que leva máis de 800 anos traendo e levando a milleiros de persoas tras as sonadas peregrinacións da Raíña Santa, Isabel de Portugal en 1325, ou Manuel I, que veu desde Lisboa en 1502.

Ambos axudaron a facer do Camiño unha ruta que sempre trouxo e levou consigo a cultura, a arte, o coñecemento, a lingua, esas cousas que nos convirten en irmáns e nos reconcilia con esa altísima noción de Portugaliza.

Un concepto situado por enriba de fronteiras, prexuizos ou ideas caducas, que supón para nós unha enorme forza inspiradora, de memoria común e de futuro esperanzador.

E é en tantos lugares de Portugal, onde a Tino Lores lle chaman O Celestino , a onde quero levar unha homenaxe que sí é necesario realizar.

E creo falar tanto en nome dos membros da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, como de todas as veciñas e veciños de Pontevedra.

Se o camiño ten aquí un motor, ese é Tino Lores.

A él debemos a súa dilixente e eficaz labor de embaixador da nosa cidade en Portugal e por extensión no mundo, porque aló onde vai, aló onde está, Tino é a nosa imaxe, o noso logotipo, xa que personifica como ninguén o espírito elegante, culto e aberto dunha cidade á que sabe representar con cariño e paixón.

Querido Tino, queridas amigas e amigos do Camiño, nada me honra máis como alcalde que recoller, diante dos meus predecesores na alcaldía durante estes 25 anos da vosa asociación, esta medalla que figurará no máis alto dos nosos corazóns.

Grazas, Alcalde Pedrosa e Tenente de Alcalde Barreiro, por achegarvos a esta casa de todos a ser partícipes, coa Corporación actual, desta distinción que desde hoxe nos honra.

Grazas ás Amigas e Amigos do Camiño pola vosa teimuda existencia. Grazas por estes 25 anos de esforzos e por todo o que aínda virá. Ahí estaremos, nós e os nosos equipos, todas as nosas mans unidas, apoiándonos mútuamente, traballando por Pontevedra, polo Camiño nesta cidade que camiña máis ca nengunha outra, por Galiza e por todas e cada unha das persoas que aquí pasan, beben, quedan, viven e laboran.

Moitas grazas a todas e todos.

Viva Pontevedra!